Un banco para os namorados en Padrón, tres estatuas e 300 especies

Cristóbal ramírez

PADRÓN

CRISTÓBAL RAMÍREZ

O xardín botánico é dos primeiros de España e estivo abandonado varios anos ata que se recuperou a finais dos 80

14 dic 2025 . Actualizado á 06:04 h.

Pódaa de fai uns poucos meses era necesaria, pero atragoóuselle un pouco, esteticamente falando, ao xardín botánico de Padrón, Ben de Interese Cultural. Avatares da vida, porque do que se trataba non era de que saíse bonito na foto senón de salvagardar un dos encantos da comarca compostelá que figura no campo dos menos coñecidos, coma se os xardíns deste estilo abundasen por Galicia adiante.

O seu nome oficial é Xardín Botánico-Artístico, e é un dos primeiros da súa especie que se crearon en España: existía en 1869. Orixinalmente atopábase nos arredores da localidade, pero co crecemento urbanístico esa hectárea con preto de tres centenares de especies quedou algo aprisionada á esquerda da Nacional 550 ao seu paso polo centro. É o que hai.

Os amigos das árbores alegraranse ao saber que varias desas especies que teñen ante os seus ollos atópanse incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras: a coroa de Cristo, o carballo fastigiata, a palmeira do Senegal, o castiñeiro de Indias e dúas secuoyas vermellas. Pode distinguilas o neófito nesas cuestións? Sen dúbida, porque están identificadas.

Ao pasear polo arboreto, o visitante vai atopar tres estatuas sinxelas, discretas, que están aí medio ocultándose, sen querer molestar. Unha é do omnipresente Castelao, doada pola vila de Rianxo. Outra revive en pedra desde 1963 a un trobador local de gran fama entón (século XIV) e de amplo coñecemento agora, Macías ou Namorado. E a terceira áchase nese sitio desde 1983, e lembra o labor pedagóxico do profesor Ernesto Gende, que debeu de ser excepcional porque a obra a pagaron os seus propios alumnos.

Nese camiñar lento e, se non é hora punta na estrada nacional, silencioso, resulta imposible non atopar dous elementos máis, ademais dun panel orientador. O primeiro, unha fonte, que de cando en vez reclama máis coidados. E o segundo, un sinxelo banco coñecido como Banco dous namorados. En realidade, sobran explicacións, pero a web do concello de Padrón ofrécese a facelas: «Monumento de bronce colocado en recordo das parellas de namorados que adoitaban visitar esta esquina do xardín». Sen comentarios.

Pero nesa atmosfera flota o espírito doutras dúas persoas que resultaron fundamentais para que o xardín chegase ao século XXI: Chamoso Lamas e Rafael Areses. Manuel Chamoso, o gran defensor do patrimonio histórico e artístico durante boa parte do franquismo, conseguiu que o 11 de xaneiro de 1946 o espazo fose declarado monumento artístico nacional.

Areses Vidal foi o grande impulsor do parque natural do monte Aloia (Tui) e desenvolveu aquí o traballo científico de identificar, clasificar e inventariar as especies, e ademais entón, grazas á súa constancia e esforzo, colocáronse os primeiros rótulos. Un bo tándem.

Onde aparcar

Se non é domingo, na chaira fronte ao mercado.

Sombra e luz

A mediados do século XX o xardín estaba practicamente abandonado. A súa recuperación comezou en 1987.

Para nenos

Lugar seguro. Está valado (aínda que ten portas abertas).