Padrón compra un camión eléctrico para a recollida de biorresiduos

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

Cedida

O Concello aposta por un novo modelo de xestión do lixo, que pretende ser máis sostible e reducir custos

31 oct 2025 . Actualizado á 10:42 h.

O Concello de Padrón impulsa un novo modelo de xestión dos residuos, que pretende ser máis sostible e reducir custos. Inclúe novas accións financiadas mediante unha subvención destinada a fomentar a recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciada polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea ? NextGenerationEU.

A axuda é de 114.048 euros e, grazas a ela, o Concello de Padrón executou dúas accións. A primeira foi adquirir un camión eléctrico para a recollida de biorresiduos, cun investimento total de 118.580 euros, dos que 108.000 proceden de fondos europeos xestionados pola Consellería de Medio Ambiente. O Concello asumiu o importe do IVE (10.580 euros), non subvencionable. Ana Castro, concelleira de Medio Ambiente, estivo presente na recepción oficial do novo camión que xa aguzosa servizo no municipio.

A segunda acción é unha campaña de sensibilización cidadá sobre a xestión de residuos, cun investimento total de 8.131,20 euros, dos que o Concello achegou 2.083,20 euros, correspondentes ao IVE non subvencionable. A campaña busca que os veciños colaboren na separación adecuada dos residuos e contribúan ao funcionamento do futuro modelo do servizo en Padrón. Así, o Concello asegura que fomenta a implicación da cidadanía para optimizar a eficiencia da recollida e asegurar que se cumpran os requisitos da normativa europea.

Esta obriga, segundo lembra o Concello, a que sexan as persoas usuarias as que paguen o custo da recollida de lixo e penaliza o prezo da que vai mesturada a Sogama. Por iso, para o goberno local é importante que os padroneses saiban que, na actualidade, o Concello cobre con fondos propios un déficit anual de ao redor de 360.000 euros entre os ingresos procedentes dos recibos e o custo real da recollida e o tratamento de lixo. Aínda así, o Concello entende que a actual conxuntura económica é complexa para as familias e o pequeno comercio e, por ese motivo, mantén o esforzo económico co obxectivo de non incrementar a carga fiscal dos veciños.

En canto ao depósito de residuos, o Concello considera que hai marxe de mellora pois, segundo os datos dispoñibles, Padrón xera cada ano máis de 3.500 toneladas de residuos, das cales só o 20% sepárase correctamente.