O Concello entregoulle o premio Padrón, Berce do Xacobeo, que o converte ademais en Peregrino de Honra
25 oct 2025 . Actualizado á 05:05 h.O párroco Roberto Martínez Díaz recibiu onte o galardón Padrón, Berce do Xacobeo, que implica tamén ser Peregrino de Honra. O Concello concede esta distinción desde 2017 para resaltar aquelas traxectorias que contribúen á promoción e preservación do Camino de Santiago e do seu patrimonio cultural na capital do Sar. No acto, celebrado na igrexa parroquial de Santiago, o homenaxeado estivo arroupado pola corporación municipal, compañeiros relixiosos e numerosos veciños que, coa súa presenza, quixeron mostrar o seu agradecemento por «unha labor incansable que se manifesta tanto no coidado co que acolle as persoas peregrinas que cada día chegan á nosa vila dende todos os recunchos do mundo como no seu afán de conservar e mellorar o patrimonio histórico-relixioso padronés»”, segundo afirmou o alcalde Anxo Arca.
Roberto Martínez, licenciado en Teoloxía e profesor do Instituto Teolóxico Compostelán, que exerce de párroco de Padrón desde hai case dúas décadas, asegurou recibir o recoñecemento con grande alegría, con moita emoción e con humildade. Aproveitou o seu discurso para «pedirlles aos organismos competentes o recoñecemento oficial do Camiño de Santiago a Padrón». Así, afirmou que «a historia, a arqueoloxía e a tradición documentada demostran que moitos peregrinos, despois de chegar a Santiago, continuaban ata aquí para coñecer estes lugares intimamente vencellados á orixe da tradición xacobea. A declaración de oficialidade deste tramo non sería só un acto de xustiza histórica, senón tamén un impulso cultural, espiritual e turístico para toda a comarca, recoñecida como berce da tradición xacobea, por terse este lugar como punto de chegada do corpo do Apóstolo Santiago», dixo.
O párroco, que cualificou a Padrón como «unha porta aberta do Camiño, un lugar de encontro e de acollida», destacou o momento álxido que vive a localidade como lugar de peregrinación, con máis de 79.600 persoas recibidas na igrexa no que vai de ano. Con todo, engadiu Roberto Martínez, «máis alá dos números, o importante son os rostros e as historias de quen chega ata aquí buscando silencio, descanso ou sentido. O Camiño de Santiago non é unicamente unha ruta xeográfica: é, sobre todo, unha experiencia interior. Quen se pon en camiño busca algo máis ca un destino; busca sentido, reconciliación, horizonte», precisou.
Pola súa banda, o alcalde Anxo Arca Anxo Arca resaltou o papel desenvolvido polo párroco para impulsar a restauración do retablo maior da igrexa e o acondicionamento da súa cuberta, xunto con outras melloras no santuario da Escravitude ou nas igrexas de Cruzamentos, Herbón ou Iria. «Tamén quero facer alusión ao seu empeño por manter abertos os templos do Camiño, cousa que sei que supón un gran esforzo», engadiu o rexedor.
Anxo Arca dedicoulle ao párroco unhas palabras moi especiais: «espero que hoxe poidas sentir máis cerca que nunca a toda a xente de Padrón que te admira, que te respecta e que te quere. Que poidas ter un pouco máis claro que es xa tan padronés como o que máis».
Con anterioridade ao acto relixioso, o homenaxeado foi recibido pola Corporación municipal na Casa do Concello, onde asinou no Libro de Honra. Despois, a Banda de Música Municipal acompañou á comitiva ata a igrexa parroquial, onde se celebrou unha misa solemne oficiada polo cóengo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral.