Rianxo e Padrón, dous pobos irmáns unidos pola historia e pola colaboración cotiá

PADRÓN

Os dous alcaldes protagonizaron as ofrendas florais a Castelao e a Rosalía no día máis institucional da Guadalupe
17 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Logo duns días cun tempo certamente desapracible —a chuvia e a néboa do domingo mesmo impediron a saída da procesión marítima—, á fin o sol luciu con forza nas festas da Guadalupe. E fíxoo para que Rianxo recibise cos brazos abertos ás forzas vivas de Padrón, co seu alcalde á cabeza, Anxo Rei Arca.
Así, un ano máis, como manda a tradición, as vilas de Castelao e de Rosalía reafirmaron os inquebrantables lazos que as unen pola historia e a cultura, pero tamén por unha colaboración cotiá que é posible grazas á magnífica relación que manteñen os gobernos de ambos municipios.
As autoridades anfitrioas recibiron a tarde deste martes ás invitadas na praza Castelao, onde acompañadas da Banda da Escola de Música de Rianxo e da de Padrón emprenderon camiño ata o paseo da Ribeira para realizar as tradicionais ofrendas florais ao pé dos bustos dos máximos expoñentes da literatura galega.
Parte do acto institucional transcorreu na casa consistorial, onde os mandatarios municipais pronunciaron os seus respectivos discursos.
O alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, recalcou que neste bautizado como Día de Padrón «reafirmamos o lazo existente entre o noso municipio e o de Padrón, un lazo histórico que se mantén forte no presente grazas ao traballo conxunto que as Administracións dun e doutro concello levan a cabo en diferentes ámbitos». Bustelo deixou claro que o bo entendemento existente ambos executivos «demostra que en política, máis alá das cores que un represente, o importante é chegar a acordos e traballar da man para o beneficio da cidadanía».
Pola súa banda, o rexedor padronés tamén incidiu neste aspecto, pois a unión da que poden presumir os dous pobos é unha ponte de fraternidade, «un exemplo de cooperación entre concellos que se materializa na colaboración diaria, prestándose axuda, intercambiando información e buscando solucións a problemáticas comúns, enriquecéndose mutuamente».
Dinámicas familiares e sociais
Anxo Arca fixo fincapé en que «estamos unidos pola nosa historia», pero tamén «polas nosas dinámicas familiares, sociais e económicas que nos levan a mesturarnos cada día. Padrón quere a Rianxo no verán, no inverno e, por suposto, nas súas festas da Guadalupe». «É unha gran satisfacción estar hoxe aquí, nun día de celebración, de memoria e renovación da nosa vontade de percorrer un camiño común», finalizou o alcalde.
O paseo da Ribeira, ademais de acoller as ofrendas a Castelao e a Rosalía de Castro, tamén foi escenario este martes, concretamente nos xardíns, da práctica de deportes da cultura urbana durante todo o día. Este ano apostouse polo parkour e calistenia e houbo talleres.
Os maiores gozarán do xantar popular en Casa Pachín
As festas da Guadalupe cada día teñen uns protagonistas diferentes e os do mércores serán os rianxeiros de máis idade coa celebración do día dos maiores. Nesta ocasión, o xantar popular terá lugar en Taragoña, en Casa Pachín, onde non faltará a boa comida nin a boa música para gozar dunha xornada de confraternidade. En canto ao resto da programación, haberá circo ás 13.00 horas da man de Asacocirco Show e a sesión vermú na praza Castelao correrá a cargo do Trío Alborada. Ás 18.00 actuará a Banda de Música de Visantoña, ás 20.00 a charanga Furruxa animará as rúas da vila e na verbena, a partir das 22.00, estarán Cayenna e Satélites.