Padrón realiza sondaxes previas á obra na contorna da casa da azucreira

ou. lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

UXÍA LÓPEZ

O goberno local recupera un proxecto do anterior, pero modifícao nalgúns aspectos, e actualiza as partidas dun presuposto que suma 107.000 euros

24 abr 2025 . Actualizado á 05:05 h.

O Concello de Padrón encargou á empresa Doa Arqueoloxía, de Teo, as sondaxes arqueolóxicas previas para o informe que lle pide Patrimonio para autorizar a obra de acondicionamento da contorna da casa da antiga azucreira de Iria-Flavia. Con esta obra, o actual goberno local recupera un proxecto do anterior, pero modifícao nalgúns aspectos, e actualiza as partidas dun presuposto de 107.000 euros do que a Deputación financia o 75%, segundo informa a concelleira de Obras, Ana Castro.

O proxecto ten que estar executado en novembro e, unha vez obtidos os permisos de Estradas e Augas de Galicia, queda pendente o de Patrimonio. Ana Castro agarda recibilo canto antes, unha vez que, explica, os primeiros resultados das sondaxes arqueolóxicas a 60 centímetros de profundidade apuntan a que non se atopou nada que poida impedilo, máis aló de material de recheo e entullo e pavimento contemporáneo, segundo desvela a concelleira de Obras.

En canto ao proxecto actual, o goberno eliminou o palco previsto no anterior para actuacións da Banda de Música, unha vez que a antiga vivenda da azucreira destinarase a albergar a Escola Municipal de Música. Así, substituíu ese elemento por un auditorio con bancadas, a modo de espazo común que permita máis actividades, e proxectou un muro vexetal onda a vía N-550, para illar o espazo do ruído do tráfico. Tamén está previsto habilitar camiños, plantar árbores e instalar bancos.