Martín Rey segue no Padronés Cortizo

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

PADRÓN

CCP

«Será o meu último ano como sub 23, así que agardo achegar a miña experiencia e dar o meu mellor nivel», sinala o ciclista galego

04 dic 2024 . Actualizado á 20:50 h.

O Padronés Cortizo segue desvelando os nomes dos corredores que integrarán o seu persoal no 2025. Deste xeito, acaba de confirmar a continuidade de Martín Rey (Vilagarcía, 2003), considerado o mellor ciclista galego da categoría. O arousán, que prolonga a súa vinculación cos padroneses por unha tempada, mostra a súa felicidade polo acordo de renovación. «Estou moi contento por seguir un ano máis na casa e ver como tanto o equipo como eu fomos mellorando e aprendendo cada campaña. Será o meu último ano como sub 23, así que agardo achegar a miña experiencia, dar o meu mellor nivel cada día e intentar dar o salto ao profesionalismo. Considero que estou preparado para este paso».

Tras crecer na súa canteira, Martín Rey regresou o curso pasado ao Padronés Cortizo. Fíxoo pola porta grande, conquistando a Volta a Galicia e converténdose no corredor máis mozo en gañar a rolda galega. Esa mesma campaña adxudicouse a Volta ao Baixo Miño e destacou na Volta a Madrid sub 23, logrando o segundo posto en Buitrago de Lozoya.

Foi en Madrid onde Martín volveu atopar a súa mellor versión durante o exercicio, conseguindo, no mes de xuño, a medalla de bronce no Campionato de España de estrada. Setembro deixoulle grandes alegrías, conquistando a etapa final e o terceiro posto da xenerala da Volta a Salamanca.