O Grupo Puentes reforza a súa posición en América Latina, que achega xa o 55% do seu negocio

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

OROSO

cedida

Nomea apoderado ao seu representante na rexión, Ismael Barral, para axilizar a firma de contratos e a concorrencia a novas licitacións

23 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Grupo Puentes, con sede en Sigüeiro (Oroso), reforzou a capacidade operativa do seu representante para América Latina, certificando así o peso cada vez máis relevante que ten esta área xeográfica na súa conta de resultados. A compaña construtora fundada por José Manuel Otero Alonso, aínda que coa maioría do capital en mans do grupo chinés CRBC, comunicou ao Rexistro Mercantil o nomeamento como apoderado de Ismael Barral Noya, delegado en Centroamérica, o que lle outorga máis marxe de manobra e capacidade de firma para optar a licitacións e subscribir novos contratos.

De acordo cos últimos resultados presentados, a antiga Puentes e Calzadas acadou no 2024 unha facturación global de 434,6 millóns de euros, cun crecemento do 26,6% respecto ao ano precedente. E máis da metade da cifra de negocio —concretamente o 55%— corresponde a obras e proxectos desenvolvidos en América Latina.

A construtora galega, presente en 13 países, pisou o acelerador da internacionalización, moi especialmente nos países da América hispana. Chile, onde o Grupo Puentes pechou hai dous anos o financiamento dun proxecto para construír e operar tres hospitais por un importe superior aos 350 millóns de euros, representa xa o 26,4% do seu volume de negocio.

En Panamá, a compaña foi adxudicataria do contrato para ampliar a seis carrís un tramo da estrada panamericana, por importe de 250 millóns de dólares (uns 215 millóns de euros). Este país achega o 19% do seu negocio e a suma das actuacións realizadas en Ecuador, O Salvador e Costa Rica engaden outro 9,6%.

Precisamente no último destes países o grupo galego foi adjudicatorio dun contrato por importe de 27 millóns de euros para reconstruír e rehabilitar 14 pontes. No 2023, xa se encargou en Costa Rica da ampliación a cinco carrís da ponte de Virilla.