Condenan a un home a once anos de prisión por abusar da súa sobriña e mostrarlle pornografía cando tiña entre 10 e 12 anos
NEGREIRA
O acusado aproveitou que convivía coa súa irmá e a filla desta nunha casa no partido xudicial de Negreira
28 oct 2025 . Actualizado á 13:13 h.A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a once anos e catro meses de cárcere a un home que estaba acusado de cometer abusos sexuais de forma continuada á súa sobriña menor de idade, cando a nena tiña entre dez e doce anos. O tribunal tamén lle considerou responsable de exhibir vídeos de contido pornográfico á vítima, que sufriu «sintomatoloxía ansioso-depresiva, sentimentos de desapego cara aos demais e hipervigilancia, con alta puntuación en estrés postraumático», segundo sinala a sentenza.
Os feitos que foron declarados probados sitúan os abusos entre o verán do 2019 e o Nadal do 2020, cando o acusado tiña uns 35 anos de idade e tivo que convivir na casa da súa nai, situada no partido xudicial de Negreira. Naquela época, na vivenda tamén residía a irmá do procesado e os seus sobriños, entre eles a vítima.
Naqueles meses, o acusado «aproveitando os momentos nos que se atopaba a soas na casa coa súa sobriña, así como a diferenza de idade e de complexión física entre ambos» conseguiu que a nena, ao tratarse do seu tío, non se opuxese aos actos que el lle solicitaba, que basicamente consistían en espila e practicarlle tocamentos ou en solicitar que fose ela quen lle tocase.
Ademais, segundo a sentenza, que non é firme xa que contra ela cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en varias ocasións tamén exhibiu aos pequena vídeos pornográficos.
O tribunal destaca que, no xuízo, o acusado «recoñeceu levar a cabo a maior parte das condutas» denunciadas, algo que xustificou en que «se foi obsesionando» coa súa sobriña. Tamén resaltan que a vítima ofreceu un testemuño «sincero, consistente e persistente», sen que poida apreciarse «nin a existencia de contradición algunha relevante nin a presenza de ningún móbil de vinganza contra o procesado».
Os maxistrados lembran que a declaración da prexudicada pode ser considerada proba de cargo suficiente para enervar a presunción de inocencia, aínda que neste caso existen ademais «corroboracións periféricas», así como probas do impacto psicolóxico sufrido pola menor.
Ademais da pena de once anos e catro meses de cárcere, a Audiencia Provincial tamén condenou ao acusado para pagar unha indemnización á nena de 30.000 euros polo dano moral causado. Tampouco poderá achegarse nin comunicarse con ela durante 15 anos, estará dez en liberdade vixiada e non poderá traballar con menores durante 16 anos e dez meses.