
As colas, tónica dominante nos dous días de venda de entradas restrinxidos aos abonados
16 oct 2025 . Actualizado á 19:09 h.O mércores ás 22 horas había unha actividade inusual no García Calvo. Foi o primeiro día de venda para de entradas para o partido de Copa do Rey fronte á Real Sociedade, restrinxida a abonados. E foi unha xornada máis de traballo para que o campo poida acoller o histórico partido do martes 28 ás 21 horas.
Antes de que se celebrase o sorteo, a directiva e o Concello, da man, xa adiantaran tarefa, contactando con empresas que puidesen adaptar a iluminación e instalar asentos supletorios para aumentar a capacidade.
A maquinaria non parou desde que o equipo quedou emparellado coa Real Sociedade. Están en marcha os traballos previos á colocación das bancadas portátiis. En calquera caso, o campo vai quedar moi pequeno. A media tarde a directiva anunciou, a través dun comunicado, que van intentar reformas adicionais para incrementar aínda un pouco máis a capacidade, e que apraza a venda de entradas para o público en xeral, prevista para este venres, ata nova data, á espera de coñecer o número de asentos dispoñibles.«Esta segunda fase respectará a orde de prereserva feita a través do número de teléfono habilitado polo club, polo que agradecemos a vosa paciencia e comprensión», indica no mesmo comunicado.
As expectativas van moi por amais das previsións máis optimistas, e convén non perder de vista que a estrutura do Negreira é a dun club afeccionado que nunca se viu nunha tesitura semellante e que non pode desatender as rutinas habituais, como ter todo disposto para que os máis de cincuenta deportistas que xogan a fútbol oito inicien a competición esta fin de semana. E o primeiro equipo recibirá o domingo ao colíder, o San Tirso.
Carlos Berdullas, director deportivo rojillo, é un máis dos dirixentes e colaboradores que están a sacar horas de onde non as hai, vivindo en primeira liña os preparativos. «Estamos desbordados con tanta demanda», recoñece. Tamén están a facer fronte á novidade dun gran número de solicitudes de entrevistas de medios de comunicación.