 
	
											Será a sexta edición, que estará pendente do tempo para o seu bo desenvolvemento
30 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Todo está listo para a noite do venres en Melide, onde só están pendentes de que o tempo sexa, polo menos durante un intre, condescendente para poder recrear a lenda da Santa Compaña. Máis de oitenta persoas participan na escenificación, que, en poucos anos —esta será a sexta edición—, converteuse en «algo coral dos veciños e das asociacións», como afirma Cristina Vázquez Neira, arqueóloga do museo comarcal, desde o que, no 2019, impulsaron unha cita que hoxe organizan conxuntamente coa asociación cultural e de teatro Charamela, e coa escola de baile e música tradicionais Herba Grileira.
Desde o primeiro colectivo narrarán de xeito teatralizada e a modo de prólogo o que verá o público que asista á representación da Santa Campaña, prevista a partir das 20.30 horas. As ánimas vagarán polas rúas en procesión, con paradas en espazos sinalados nos que se realizará unha recreación «de todas as manifestacións que se coñecen do que fai a xente cando se atopa coa Santa Compaña», explica Cristina Vázquez. As almas, «a lavandeira», «a estadea» e «o bode» son as figuras espectrais do mito da Santa Compaña, que se recrea en Melide coa participación, tamén, de «vos vivos», representados, entre outros papeis, por beatas, o monaguillo, e o curandeiro.
O Coro da Compaña de Herba Grileira porá voz en diferentes escenas, do mesmo xeito que música os gaiteiros do grupo Pozo Pequeno, outros particulares, e integrantes de Cuarta Xusta. A asociación Terra do Medio tamén colabora coa recreación, do mesmo xeito que o Concello de Melide e empresas locais.