Melide recoñece a traxectoria de Os Melidaos, e a do médico Eladio García, a título póstumo
MELIDE
A corporación municipal formalizará a entrega nun acto o próximo día 29, coincidindo coa festividade de San Pedro, patrón da localidade
07 jun 2025 . Actualizado á 05:05 h.A máxima condecoración institucional do Concello de Melide entregarase este ano por partida dobre, de acordo coa proposta aprobada pola corporación municipal no último pleno ordinario, que acordou distinguir coa «Medalla de Ouro» ao grupo de música tradicional Os Melidaos, e, a título póstumo, ao doutor Eladio García Rodríguez. O recoñecemento público á traxectoria profesional de quen foi médico de confianza para xeracións de melidaos —falecido aos 92 anos de idade en novembro de 2014— será tamén homenaxe a quen igualmente foi un apreciado veciño, «un melidao de prol», dixo o alcalde José Manuel Pérez, no momento de defender a proposta.
O próximo día 29, coincidindo coa festividade de San Pedro, patrón de Melide, a corporación municipal reunirase nun acto solemne para formalizar a entrega da «Medalla de Ouro» á familia de Eladio García, que compartirá o espazo reservado ao público no salón de plenos cos compoñentes de Os Melidaos. Os «gaiteiros que cantan», como eles mesmos de definen, recibirán a distinción do Concello melidaos no vinte e cinco aniversario da fundación do grupo, que acumula, así, un cuarto de século, «levando o nome de Melide por todas partes», tal e como destacou o rexedor melidaos.