O pleno de Dodro non outorga a súa confianza ao goberno socialista de Xabier Castro

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO

DODRO

UXÍA LÓPEZ

Só o BNG apoiou a cuestión formulada polo alcalde, polo que o resto dos grupos da oposición teñen un mes para presentar unha moción de censura

15 may 2025 . Actualizado á 11:32 h.

O alcalde de Dodro e o seu goberno en minoría non superaron a cuestión de confianza vinculada á aprobación do presuposto do Concello para este ano, de modo que os grupos da oposición que non lle deron o seu apoio teñen agora trinta días para presentar unha moción de censura. De non facelo ou de non aprobarse, no caso de que se presentase a moción, o presuposto quedaría automaticamente aprobado. O pleno reuniuse hoxe en sesión extraordinaria co único punto da moción de confianza, que só recibiu o apoio do BNG mentres que os grupos de Xente de Dodro, PP e Unidade Veciñal votaron en contra. 

O pleno derivou nun debate sobre o estado do municipio, no que os grupos da oposición, fóra do BNG, cargaron duro contra o goberno local pero, por amais diso, chamou a atención a posición política do portavoz de Xente de Dodro, e exalcalde, Valentín Alfonsín, cara ao edil Xoán Xosé Vicente, da Unidade Veciñal, a quen dirixiu a maior parte das duras críticas. Fíxoo nun ton tan bronco que, en máis dunha ocasión, houbo chamadas á serenidade ata o punto de que o concelleiro nacionalista Xoán Bautista Mariño interveu para asegurar que o pleno de Dodro está ao nivel do Parlamento español, no sentido de que «todo é caos cando non goberna a dereita ou a extrema dereita». 

Tras algo máis dunha hora de debate e coa cuestión de confianza rexeitada, o alcalde Xabier Castro pechou o pleno sinalando que «queda nas vosas mans o que pase de agora e adiante», en alusión aos grupos da oposición e a unha moción de censura que, visto vístoo na sesión, non é probable que se presente pola distancia de posturas entre os grupos que non gobernan.  

Así, en Xente de Dodro parece que hai unha fixación co portavoz da Unidade Veciñal, coma se Xoán Xosé Vicente fose o alcalde. Valentín Alfonsín acusouno de branquear a actuación dun goberno que «non se parece ao que debe ser un goberno», dixo, e que deixa aos veciños sen obras e servizos, engadiu. Nesa especie de fixación, Valentín Alfonsín chegoulle a dicir a Vicente que esmoleira as «migallas» do alcalde e que é cómplice da situación na que está o municipio.

Pola súa banda, desde o PP, o portavoz Marisol Boga concluíu a súa intervención asegurando que a xestión do goberno local é nula e que os servizos máis importantes do concello, entre os que mencionou servizos sociais e urbanismo, non funcionan. Tamén acusou o grupo de Xabier Castro de deixar de gastar diñeiro de subvencións concedidas. 

A Unidade Veciñal de Dodro aproveitou o pleno para lembrar o seu traballo no anterior mandato, cando formou parte do goberno local, un traballo, dixo o portavoz Xoán Xosé Vicente, que non tivo continuidade na actual lexislatura. O representante da Unidade Veciñal volveu a expresar o seu rexeitamento ao presuposto presentado para este ano que, segundo lembrou, non contempla partidas para axudar ás comisións de festas ou aos deportistas locais e se para gastos en publicidade, sen contar que implica a privatización do Servizo de Axuda no Fogar, algo ao que o seu grupo se opón. Ante os continuos ataques do portavoz de Xente de Dodro, Xoán Xosé Vicente deu a entender que o PSOE está seguro no goberno local porque, con Valentín Alfonsín, non hai xeito de chegar a ningún acordo.  

Desde o BNG, o único grupo que apoiou a cuestión de confianza, o seu edil Xoán Bautista Mariño sinalou que o seu partido non ten ningún interese en paralizar a actividade do goberno local nin o Concello de Dodro, sen contar que o presuposto, aínda non sendo o que máis lle gusta, inclúe a partida para prestar o servizo de axuda no fogar e unha praza de arquitecto, moi necesaria en Dodro, dixo. 

Desde o PSOE, tanto o alcalde Xabier Castro como o tenente de alcalde Ramón Abuín defenderon a xestión do seu equipo. O segundo deles cargou contra Alfonsín por introducir no debate cuestións persoais, á vez que se aventurou a sinalar que «non volverá a gobernar en Dodro». Á Unidade Veciñal, Abuín lembroulle que no seu momento non se chegou a un acordo para gobernar conxuntamente porque dito partido expuña peticións continuas e que ningunhas delas chocaban coa doutra forza política que tamén podía apoiar a formación dun executivo liderado polo PSOE. O tenente de alcalde tamén criticou o proceder de Valentín Alfonsín nos xulgados, con continuas denuncias de modo que lle lembrou que a última presentada, e que non prosperou, tivo un custo para o Concello de case 11.000 euros. 

Entre os temas tocados nun pleno que se pareceu máis a un debate do municipio, saíron as obras privadas e públicas que, segundo a oposición, non teñen licenza ou non se lles fai seguimento, algo desmentido polo goberno local; un recheo no lugar de Bexo; un suposto auditorio ilegal; subvencións perdidas; falta de xestión en áreas como Servizos Sociais ou Urbanismo e ausencia de axudas para as familias con menos recursos ou de actividades para os veciños maiores ou mozos, entre outras recriminacións dos grupos da oposición que, salvo o BNG, teñen por diante un mes para presentar unha moción de censura. Pero visto como foi o pleno de hoxe, parece que hai máis distancia que proximidade entre eles.