«Conéctate con cabeza», o plan escolar de Boqueixón para a rede

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

BOQUEIXÓN

CEDIDA

O pleno infantil cumpriu dez anos con variadas demandas do alumnado do CPI Antonio Forte

03 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Os debates plenarios de calquera municipio apenas xeran interese entre a súa poboación a non ser que se trate algún asunto moi concreto e o colectivo afectado pida intervir ou coñecer ao detalle que pode ocorrer. A cousa cambia e tamén se suaviza cando o consistorio acolle un pleno infantil. Boqueixón cumpriu onte dez convocatorias de tan particular acontecemento cunha sesión á que acudiron máis de corenta escolares do CPI Antonio Forte.

O grupo non estivo de miranda, xa que un colorido cartel mostraba o traballo previo sobre os riscos do uso da rede e as redes sociais e unha proposta ao goberno local, que pasa por un plan de formación, bautizado como «Conéctate con cabeza», para coñecer mellor os riscos que afrontan cada vez que se conectan a internet e as claves para enfrontarse á rede: «Penso antes de compartir, comprobo se algo é verdade antes de compartilo, non falo con descoñecidos e aviso a un adulto se algo me preocupa».

O alcalde, Ovidio Rodeiro, e a edila de Servizos Sociais, Ángela Conde, tomaron boa nota da demanda, debullada por un grupo de improvisados concelleiros con micrófono incluído.

Como en calquera pleno, a quenda de rogos e preguntas permitiu trasladar suxestións e pedir información. E neste contexto xurdiron as demandas que preocupan cando tes entre dez e doce anos, pero tamén preguntas que invitan ao riso ou á reflexión: «Como podo facer amigos se din que non fales con descoñecidos?».

Peticións de controis de velocidade, alertas sobre a abundancia de cans descontrolados e gastos mortos coáronse nunha sesión na que pediron monitores para ir de viaxe de estudos e lograron unha excursión ao parque acuático de Cerceda. E todo isto antes de despedirse cun sonoro e moi ben compasado «Viva Boqueixón!».