
O accidente produciuse no quilómetro 328 da N-525, á altura de Lestedo
26 jun 2025 . Actualizado á 17:41 h.Unha colisión entre dous camións e un turismo en Boqueixón deixou ferido o condutor do coche, que tivo que ser trasladado a un centro hospitalario nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias.
O accidente produciuse pouco antes das once da mañá no quilómetro 328 da estrada N-525, á altura da parroquia de Lestedo. O sistema de aviso automático de emerxencia co que contaba o vehículo, o E-Call, foi o que advertiu ao 112 Galicia de que se produciu a colisión e do punto exacto ao que tiñan que enviar o operativo.
Os voluntarios da agrupación local de Protección Civil foron os primeiros en chegar ao lugar do sinistro e xa advertiron ao centro de atención ás emerxencias de que o choque estaba a provocar importantes retencións en Lestedo.
Ademais de Protección Civil, o 112 Galicia tamén mobilizou á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada, co obxecto de que a circulación volvese á normalidade canto antes.