
O tripartito pide unha liña aos hospitais e máis frecuencias
07 jun 2025 . Actualizado á 05:05 h.O Concello de Arzúa elevou a acordo plenario a demanda que, meses atrás, expuxo conxuntamente cos de Melide e Santiso para que a Xunta poña en marcha unha liña de bus «directa e regular» ata os hospitais públicos galegos, con tres frecuencias diarias. A medida —en resposta á «necesidade de garantir un acceso digno á sanidade pública para pacientes, acompañantes e persoal sanitario», sosteñen— forma parte dunha moción na que se urxen melloras nas liñas de transporte por estrada que comunican a localidade arzuá con, ademais de Santiago, A Coruña.
«O obxectivo é garantir unha mobilidade digna, segura e adaptada ás necesidades reais da veciñanza», argumentan desde o goberno en coalición de Arzúa, no seo do que os tres edís do grupo independente e a representante do PSdeG apoiaron unha moción presentada polo grupo do alcalde do BNG Xoán Xesús Carril. Ademais da creación dunha liña de bus regular e directa aos hospitais públicos, sobre o servizo ata a capital galega púxose de manifesto a «insuficiencia» da liña actual, «con só dúas saídas ao día en días laborais e sen servizo os domingos», explicaron no pleno para pór sobre a mesa as dificultades que esa situación entraña para «o acceso a servizos básicos, estudos e traballo, obrigando a moitas persoas a depender do vehículo privado».
No referente á liña de bus ata a cidade herculina, o tripartito arzuán urxe que se garantan frecuencias «fixas» para as parroquias nas que o servizo funciona «a demanda», previa solicitude do viaxeiro. Iso «dificulta a súa utilización regular, especialmente entre a poboación maior», explican desde o goberno de Arzúa, que tamén demanda que o municipio forme parte das políticas de bonificación da Xunta no transporte público.