O programa «Modo Galego, Actívao!» volve a Ames

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

cedida

Arredor de 2.700 escolares participan na campaña para fomentar o uso da lengua propia

10 ene 2026 . Actualizado á 05:00 h.

A aposta polo galego está no ADN de Ames, Concello que desenvolve xunto coa Real Academia Galega (RAG) o proxecto de investigación e acción «Modo Galego. Actívao!», unha suma de iniciativas formativas e de sensibilización en todos os centros de ensino público e aos que este ano se engaden as escolas deportivas municipais. E isto suporá a participación de arredor de 2.700 escolares, trescentos docentes e douscentos profesionais do ensino nunha iniciativa para fomentar o uso do galego dun xeito innovador e que engade unha avaliación dos resultados.

A campaña comezará este luns coa sinatura por parte destes 2.700 participantes dun compromiso formal de uso do galego de xeito ininterrompido durante un período concreto de tempo. No caso do alumnado de infantil e primaria haberá retos diarios, e co seu cumprimento poderán cubrir un mapa animado das distintas parroquias de Ames. Para os cursos de secundaria os retos serán semanais, e con eles convidarase á mocidade a descubrir contidos en galego que conectan cos seus intereses.

A iniciativa chega este curso á cuarta edición, presentada onte no colexio de primaria de Ventín nun acto no que participaron Henrique Monteagudo, presidente da RAG; María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística, e Blas García, alcalde de Ames. Tamén acudiu Valentín García, secretario xeral de Lingua, que confía en que este modelo poida reproducirse noutros colexios «cos debidos axustes», xa que considera que precisa «estudo, planificación, execución e avaliación para que se poida replicar».

Henrique Monteagudo sinalou que «a combinación das accións de dinamización e a investigación, e mais o carácter transversal da experiencia, son parte dos puntos fortes deste programa». Tamén recoñeceu que «a implicación a un tempo de todos os centros públicos e de distintos espazos de xogo, aprendizaxe e coidado, contribúe a que se xere un clima amigable, dentro e fóra dos recintos escolares, para que os nenos e nenas galegofalantes se sintan recoñecidos, e os que non o son rachen os prexuízos e o costume, animándose a romper a falar no idioma do país».

María López-Sández incidiu en que «manter as experiencias no tempo é fundamental», polo que procuran «un impacto perdurable e visible a medio prazo». Pola súa parte, Blas García definiu o programa como «un modelo de éxito replicable e exportable, marca Ames», polo que apostou por que «poida ser asumido polo maior número posible de concellos».