Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex actuarán no Millarock máis adaptado e inclusivo

La Voz SANTIAGO

AMES

CEDIDA

O festival amiense cumprirá catorce edicións o próximo 1 de agosto

27 jun 2025 . Actualizado á 04:55 h.

1 de agosto • Desde as 19 horas • Anfiteatro e Travesía do Porto de Ou Milladoiro • Acceso libre • O festival amiense Millarock cumpre este verán catorce edicións. E nesta ocasión contará coas actuacións de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex, mantendo así a súa filosofía de apostar pola combinación de grupos de música rock de Galicia que xa están consolidados con agrupacións emerxentes. Os concertos son a grande aposta do festival, pero non a única, xa que o programa se completa con talleres didácticos impartidos por «A Casa do Rock» e a novidade da «Merenda Rock». 

O Concello de Ames presentou onte este festival destacando tamén que se trata dunha cita máis inclusiva e adaptada, xa que as persoas con discapacidade auditiva disporán de mochilas vibratorias para sentir a música e as persoas con problemas de mobilidade contarán cunha plataforma elevada con rampla de acceso para gozar con comodidade e seguridade das actuacións.

Blas García, alcalde amiense e concelleiro de Cultura, destacou que «o ano pasado demos un paso adiante con implicar aos máis pequenos dentro do mundo do rock e este ano apostamos por facer un Millarock máis inclusivo e apto para todos».

Ademais de Blas García, no acto de presentación participaron María Vázquez, técnica do departamento de Cultura; Pili Villaverde, técnica de Mocidade; Xaco Barona, gaiteiro en Ruxe Ruxe; Adrián Hernández, director da Casa do Rock; Carlos Freire, baixista de Battosai; Xián Castro, voz e guitarrista de Ulex, e Martiño Quintela, batería e voz tamén de Ulex.

Ulex será o primeiro grupo en actuar a partir das 22.00 horas. Esta banda compostelá presentará o seu álbum «Lonxe de ti». Battosai tomará a vez co seu segundo traballo, «Bágoas e milagres» confirmando co seu directo que este grupo, moi vinculado a Ames e formado no 2018 por Héctor (voz e guitarra), Roque (baixo) e Nolo (batería), ten a súa principal inspiración no rock dos anos noventa e de principios de século, pero tamén no punk e o grunge.

As tres décadas de experiencia da banda converten a Ruxe Ruxe na principal baza do próximo Millarock. O grupo sacou o seu último traballo, «Xabral», no principio do ano, unha aposta conceptual que están a presentar nos escenarios coa xira Pub Rock.