
O Foot On Mars Basketdeza de categoría cadete disputará este domingo as semifinais da Copa Xunta nun duelo contra o Ames ás 19.00 horas e a domicilio. A última eliminatoria para facerse cun posto na final para o equipo adestrado por Jorge Marcelo Cheffer, que se mostra confiado nas posibilidades dos seus xogadores.
«Vai ser un partido igualado, se xogan con cabeza poderemos pasar. Temos que pelexar e estar atentos, porque con calquera fallo que teñamos podemos perder», sinala o técnico. «Os rapaces están motivados, chegar á final é algo inédito e teñen moitas gañas», engade. O equipo cadete masculino do Basketdeza conta cun persoal de 13 xogadores que se coñece desde hai moitos anos. «É un equipo que ven dende mini adestrando xuntos», apunta Jorge.
Bagaxe positiva
Os lalinense chegan a esta semifinal despois de superar na fase de grupos a outro equipo de Ames e a un de Brión con pleno de vitorias. A esta rolda pasaron os primeiros de cada grupo, polo que se verán as caras cun rival complicado.
En calquera caso, saben o que é gañar ao Ames con dous triunfos en tres partidos na fase regular. Na outra semifinal mediranse o Fontiñas contra o Vedra.