Santiago e Ames celebran o día do Orgullo LGTBI+ con unidade dos seus representantes políticos

La Voz SANTIAGO

AMES

Cedida

Padrón realizou unha campaña a través do comercio e a hostalería

29 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Santiago acolleu o acto central da celebración do día do Orgullo LGTBI+ coa lectura dunha declaración institucional por parte de concelleiros de todos os grupos municipais: Borja Rubio (Partido Popular), Mercedes Rosón (PSdeG-PSOE), Míriam Louzao (BNG) e María Rozas (Compostela Aberta). A alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi a encargada de abrir e pechar o acto no que tamén participou un grupo de alumnas do IES de Sar.

Sanmartín reiterou o compromiso de Santiago «coas persoas e co colectivo LGTBI+» na «defensa do seu dereito a vivirmos en diversidade», mentres que as alumnas do IES de Sar leron fragmentos de textos en verso e prosa a favor dos dereitos do colectivo. O acto contou ademais co tradicional izado dunha gran bandeira arco da vella no balcón do Pazo de Raxoi.

Na declaración institucional aprobada no pleno do 27 de maio e lida polos concelleiros lémbrase que «Santiago leva moitas décadas sendo concello de acollida, ademais de forno no que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon os dereitos dos que gozamos hoxe». Ademais, todos os grupos tamén manifestan a súa «preocupación» polo «incremento nas agresións LGTBIfóbicas verbais e físicas».

En Ames todos os grupos municipais, co alcalde Blas García á cabeza, puxéronse de acordo para ler un manifesto na escalinata do Concello que avoga por «seguir loitando polos dereitos, para conseguir a plena igualdade e eliminar a LGTBIQfobia dentro e fóra do noso concello».

Ames continúa este ano coa súa campaña «Ames a quen ames, faino con orgullo!» e decorou as prazas con paraugas de igualdade e os monólitos do concello con bandeiras arcos da vella.

Outros concellos

A maior parte dos concellos da área metropolitana de Santiago sumáronse tamén á conmemoración do día do Orgullo con distintas iniciativas, desde colgar ensínalas arcos da vella nos balcóns e fachadas das casas dos concellos ata a difusión de manifestos ou, como Padrón, que promoveu a campaña «Padrón con orgullo», mediante a cal os locais comerciais e de hostalería da vila colgaron nos seus escaparates carteis para visibilizar e apoiar a diversidade desde os propios establecementos. «Dende o Concello de Padrón amosamos a nosa satisfacción por contar cunha comunidade tan comprometida coa igualdade e a inclusión, pois cada cartel é unha mostra do noso apoio incondicional á diversidade e aos dereitos das persoas LGBTI+», expresou a administración municipal.

O Concello de Melide, así como os de Santa Comba, Brión, A Baña e Vedra, entre outros, sumáronse á campaña da Deputación da Coruña «Liberdade de ser e sentir». Ademais, o vedrés, cuxo alcalde, Carlos Martínez Carrillo, forma parte da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), adheriuse á declaración institucional deste organismo, «coa que se reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos como a igualdade, a liberdade e a non discriminación das persoas, con independencia da súa orientación sexual».