O PP de Ames alerta do aumento anual de delitos tras a pandemia

La Voz SANTIAGO

AMES

SANDRA ALONSO

Pide convocar a xunta local de seguridade tras 1.034 infraccións penais no 2023

17 may 2024 . Actualizado á 05:05 h.

O PP de Ames solicitou a convocatoria da xunta local de seguridade, que debería ser reunida semestralmente pero que no municipio din que non se realiza desde xuño do 2022: «Son dous anos xa sen celebrar este tipo de xuntanza con representantes de todos os corpos de seguridade mentres o alcalde semella estar tranquilo pese a que o número de delitos medra cada ano». Explican, nesa liña, que nunca houbo en Ames tantas infraccións penais como no 2023, que superou a marca rexistrada no exercicio precedente.

Indican que no 2020 rexistráronse 724 infraccións, nunha anualidade marcada pola pandemia, pero desde entón a cifra non parou de crecer, con 867 infraccións penais no 2021; 1.004 nun 2022 en que por vez primeira superouse o milleiro; e 1.034 no 2023. Un incremento en que os populares din que teñen moito que ver roubos, furtos e estafas, pero sobre todo, os ciberdelitos: apuntan que o Ministerio do Interior recolle o pasado ano 675 intervencións en criminalidade convencional ás que se suman 359 delitos informáticos. Os furtos sumaron 127 delitos, e 29 roubos con forza en domicilios, establecementos e outros (19 en vivendas); o ministerio contabiliza oito agresións sexuais (a metade con penetración); delitos graves e menos graves de lesións e rifas multitudinarias foron 8, e 11 roubos con violencia e intimidación; houbo catro subtraccións de vehículos e dous delitos de tráfico de drogas. A infracción penal máis grave figura como homicidio doloso e asasinato en grao de tentativa.