Conclúe o prazo para solicitar ao Concello de Ames actuacións en festas e eventos

La Voz SANTIAGO

AMES

Haberá tres opcións para as parroquias en función da súa poboación, e unha cuarta para actos de interese sociocultural

15 may 2024 . Actualizado ás 05:05 h.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, aprobou por vez primeira a convocatoria de axudas en especies para festas populares do municipio, organizadas por comisións ou ben por entidades que programen outros eventos de interese sociocultural. As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático municipal, cun primeiro prazo para festas e eventos que se celebren de xaneiro a agosto que chega ata hoxe, 15 de maio; pola súa banda, as celebracións que transcorran de setembro a decembro poden facelo ata antes do 31 de xullo.

O Concello, que busca coa medida facilitar o labor de tecido asociativo e comisións de festas, sinala que as subvencións son compatibles con outros recursos que poidan achegar outras entidades públicas ou privadas. Unha das liñas de colaboración é a concesión de actuacións de grupos de música e baile tradicional, así como corais.

As parroquias de menos 500 habitantes terá un máximo de 2 actuacións, con límite orzamentario de 1.000 euros; de 500 a 3.000 veciños, 5 actuacións e tope de 3.000 euros; con máis de 3.000 habitantes, máximo de 8 actuacións e 4.000 euros; e en eventos de interese sociocultural, unha actuación con tope de 500.