Casa Galego, un novo ultramarinos e taberna ao estilo tradicional para reconectar á xente en Ames

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

Alejandro Deus aposta por e «volver ás raíces»  por unha hostalería «máis sinxela e real» neste proxecto emprazado en Bertamiráns, inaugurado onte

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte abriu a súa portas en Bertamiráns (Ames), na mesma Praza do Concello, unha novo ultramarinos e taberna ao estilo tradicional que aspira a reconectar á xente. Casa Galego reivindica un tipo de establecemento popular que antigamente transcendía ao mero servizo hostaleiro e era un espazo de encontro e confraternización. Detrás deste proxecto está Alejandro Deus, un carballés de 33 anos casado cunha amiense que leva xa máis dunha década vivindo en Bertamiráns.

«Casa Gallego nace porque levo dedicado á hostalería dende que tiña 22 anos, cun pequeno parón polo medio. Veño dunha hostalería de primeiro nivel. Traballei en restaurantes de Santiago recoñecidos, algún deles con estrela Michelin, e nos últimos tempos fun xerente dunha empresa de cervexa artesá. Tiña ganas de emprender en solitario e buscaba volver ás raíces, a un tipo de proposta máis sinxela e real, afastada do modelo actual no que se impoñen os prezos disparados, unha comida elaboradísima e as franquicias, no que todo parece cortado polo mesmo patrón. Quería recuperar o espírito das tabernas e ultramarinos de sempre, sen tanta pretensión, como ás que ía de neno co meu avó. El non tiña unha, pero si era moi taberneiro, e sempre o recordo cunha xerra de viño servindo aos demais. Agora todo é moi frío. As parellas nin se falan, están mirando o móbil, esperando a que chegue o prato para sacarlle unha foto. Interesábame potenciar o máis importante de todo, que é xuntarte coa xente que queres e facer comunidade», explica Alejandro.

Conta que este era un proxecto ao que levaba tempo dándolle voltas e viu a oportunidade de facelo realidade o ano pasado: «A idea vén de lonxe e, no último par de anos, xa me agotaba a esixencia desa hostalería de vangarda». En casa Galego, advirte, «non temos Internet, televisión para ver o fútbol nin música moderna». No seu lugar, engade, «recupero o viño en cunca, o café de pota e a comida sinxela: dende unha táboa de embutidos e queixos ata croquetas caseiras de polbo á feira e de lacón con grelos, ou un bo xamón cortado a coitelo». Para el era importante ofrecer un «produto fresco, de primeira calidade e galego, primando ao pequeno produtor para darlle un trato xusto, sen máis intermediarios». A parte de ultramarinos céntrase na alimentación: conservas, viños, galegas, cafés, infusións, chocolates... «Ademais, traballamos ca Panadería Bastavales, con 200 anos de historia, e ofrecemos as súas empanadas; así como empanadillas de recheos galegos de Chus Sande».

O horario de atención ao público será de luns a venres, de 10 a 19 horas, e o sábado (día de feira en Bertamiráns), de 12 a 17 horas. Emprazado no número 5 da Praza do Concello, onde antes había unha tenda de roupa, fíxose unha reforma integral para acondicionar o local. O nome de Casa Galego, aclara o seu dono, é polo que era coñecido o fogar dos seus avós maternos, en Mazaricos : «En realidade alí dinlle ghallegho, con gheada, polo que eu era o neto de Paco de Ghallegho».