Lita pediu unha parada de bus en Ames e conseguiu transporte adaptado

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

YOUTUBE

O Concello e o colectivo O Reguiño xestionarán ante Mobilidade a solicitude da veciña para a liña de transporte metropolitano de Trasmonte

02 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Conseguir que unha administración pública escoite as túas demandas e ofrézache, aínda que sexa de forma parcial, unha solución mellor que a túa propia solicitude non adoita ser habitual, pero tampouco é imposible. Esta inusual circunstancia viviuse o xoves tras a sesión plenaria de Ames . A orde do día desenvolveuse con rápidas intervencións e a maioría dos acordos referendados por unanimidade. Unha vez concluída a sesión, e dando cumprimento ao Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, que previa solicitude permite formular un rogo ou unha pregunta a calquera membro da corporación, Lita Zarauza pediu exercer ese dereito para reclamar unha parada de autobús en Raíces. Esta veciña explicou desde a bancada do público que, as os seus 75 anos idade, é unha usuaria habitual do autobús pero «o traxecto ata a parada de Raíces desde a miña casa é moi longo e para coller o bus de Tarrío a estrada é moi estreita, polo que se vén un autobús ou se cruzan unha furgoneta e un coche apenas queda sitio, por iso pido unha cousa moi sinxela, unha parada de bus onde sexa máis doado. Se pode ser, quedaría encantada», engadiu.

Ante esta demanda, o alcalde, Blas García, lembroulle que Ames dispón dun servizo de transporte adaptado para maiores de 65 anos con problemas de mobilidade, polo que este vehículo, con solicitude previa, recolleríaa na súa casa para levala á actividade que necesite e posteriormente podería utilizalo para volver a casa. En paralelo ao transporte adaptado, a proposta municipal pasa porque a asociación veciñal O Reguiño, que tramitou a súa solicitude para intervir no pleno, pida á Xunta, xunto co Concello, esta nova parada. Tras a sesión, o colectivo confirmou que promovería unha recollida de firmas para solicitala. Pola súa banda, o rexedor comprometeuse a que o Concello avalaría a súa petición e asumiría o custo da marquesiña.

Lita Zarauza confirmou onte que xa obtivera a información sobre o transporte adaptado e que estaba interesada no seu uso. «Por sorte, eu teño ao meu marido que me pode levar en coche pero el ten 82 anos», explicou. Contenta por ter a posibilidade de utilizar este servizo, Zarauza non renuncia a conseguir a parada de autobús «porque me gusta organizarme e saber que podo ir a unha hora concreta e regresar a outra», explica. Ademais, engade que tras sufrir graves problemas de costas, con varias operacións que a mantiveron inmóbil durante meses, agora participa en cantas máis actividades mellor. «Ao Milladoiro vou a baile e a ximnasia, pero para ir á piscina teño que ir a Bertamiráns. Non paro». E agora, o seu obxectivo é a parada de bus.

O pleno aproba o convenio para crear unha ruta enogastronómica e un mercado 

Antes da intervención de Lita Zarauza, o pleno aprobou por unanimidade o convenio que debe asinar o Concello de Ames coa entidade Terras de Compostela para materializar un proxecto de desenvolvemento sostible cunha partida de 1,3 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation.

No caso amiense, a súa pertenza a Terras de Compostela implicará o desenvolvemento dun proxecto para unha ruta enogastronómica e adquirir equipamento para un mercado.O itinerario discorrerá entre Trasmonte e Agrón para concluír na futura aldea modelo tras un investimento de 43.000 euros, un importe similar para comprar carpas para un mercado en Bertamiráns. Este convenio foi referendado por unanimidade.