Morre un condutor de 28 anos tras saírse da vía e chocar contra unha árbore na Baña
A BAÑA

O accidente tivo lugar despois de medianoite no lugar de Ou Barro de Abaixo. O falecido era un monitor de actividades físicas moi querido no concello
31 may 2025 . Actualizado á 20:19 h.Un condutor de 28 anos de idade, Gabriel P. S., faleceu a pasada madrugada tras saírse co seu vehículo da vía e chocar violentamente contra unha árbore na Baña. O accidente ocorreu despois de medianoite no lugar de Ou Barro de Abaixo.
Tras o impacto, o sistema E-Call instalado no coche sinistrado enviou un aviso automático ao 112 Galicia. Os xestores do servizo de emerxencias trataron de contactar co accidentado, pero non obtiveron resposta, polo que mobilizaron un operativo do que formaron parte Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Santa Comba, a Garda Civil de Tráfico e axentes da Policía Nacional. Tamén se informou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia por se era necesaria a súa intervención.
Cando os axentes de Tráfico e os sanitarios chegaron ao lugar do sinistro, comprobaron que o vehículo, que chocara contra unha árbore situada na marxe esquerda da vía que vai en dirección a Nantón, estaba moi deformado polo impacto. O condutor non respondía a ningún estímulo e o 061 tan só puido certificar o seu falecemento.
O falecido, pai dun neno de pouca idade, vivía en Cantalarrana, unha aldea da parroquia de Lañas, no mesmo concello da Baña. Era unha persoa moi coñecida e querida na zona ao exercer como monitor de actividades físicas por distintos lugares da contorna.
Gabriel exercía de monitor de zoa na Asociación Xuvenil Arume de Berdillo, Carballo, onde o seu falecemento causou unha gran conmoción. «Empezou a traballar este curso con nós. Empezou aló por outubro. Era moi boa persoa, fácil de traballar con el, moi centrado e moi profesional. A xente estaba encantada con el. Os seus alumnos e alumnas, de entre vinte e cincuenta anos de idade, o querían moito porque se deixaba querer. Nunca xerou un problema, ao contrario É unha gran perda para nós», apuntaron en Arume, onde engadiron: «Era tan profesional que estabamos moi interesados en que continuara con nós o vindeiro curso porque empatizaba moito coa xente. Era extroverido e moi afable con todo o mundo». Gabriel tamén daba clases nun ximnasio situado no centro comercial Bergantiños de Carballo, onde era moi apreciado.
O mozo era natural de Ribeira, onde se formou como bailarín. Xa de neno apuntaba xeitos, con grandes dotes para esta disciplina artística: «Era moi bo», destaca Orlando González, da escola O Tomasón, co que Gabriel compartiu varias coreografías.
Unha das súas alumnas lembra cando daba clases en Aguiño como axudante dunha instrutora: «Era unha máquina e unha persoa moi agradable».
Despois de formarse, Gabriel obtivo a titulación de zoa e empezou a impartir clases como titular. Aínda que a súa familia continúa vivindo en Ribeira, o mozo fórase a vivir á Baña, de onde é natural a súa parella e onde tiveron un fillo.