Battosai regresa ao Feito a Man, en Santiago: «O rock sempre tivo o seu sitio e seguirao tendo»

La Voz

SANTIAGO

Yolanda Ataraxia

O trío compostelán presentará no festival o seu segundo disco, «Lágrimas y milagros»

16 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

22.30 horas • Tras San Fiz de Solovio • Xusto catro anos despois, Battosai volve ao Feito a Man. Será no mesmo escenario que no 2021, en Tras San Fiz de Solovio, un 16 de agosto. Pero se por aquel entón a banda se presentaba co seu primeiro traballo homónimo, nesta ocasión chega co seu segundo disco, «Lágrimas y milagros», que desde a súa saída no pasado outono xa lle deu alegrías á formación compostelá. «Está indo moi ben. O certo é que xa tivemos a oportunidade de tocar fóra de Galicia, como en Madrid, Valencia, Oviedo..., e incluso en Francia. A resposta está sendo moi grata, estanos permitindo ir tocar a sitos aos que non foramos e manter a dinámica da banda, que é tocar, pero tamén amosar o traballo», destaca Héctor Ojea, un dos fundadores de Battosai.

A formación compostelá, que se estreaba en febreiro do 2019 ante o público, mantén na súa base esa aposta polo rock dos anos 90 que definiu os seus inicios, pero ampliando máis o abano: «É certo que agora non hai tanto ese rock noventero, senón que tira máis ao post-hardcore e ao emo. Agora achégase a estilos de música máis actuais dentro dese rock alternativo; mira máis ao presente que ao pasado. Pero os nosos piares está aí porque é o que nos motivou a tocar, aínda que abrindo máis o abano».

Este segundo traballo, «Lágrimas y milagros», que presentaron en Santiago por primeira vez en directo a finais do ano pasado en Sónar, amosa unha evolución co do debut. «Este é máis homoxéneo, foi un proceso de catro meses compoñendo exclusivamente para el, polo que ten unha cohesión grande», resalta a voz de Batossai, agora nesta etapa acompañado por Carlos Freire como baixista e Mauro Gómez na batería.

A presenza no Feito a Man ten connotacións especiais para Battosai nun verán no que tamén actuaron no Festival Noroeste da Coruña e no Millarock de Ames. «É especial por ser en Compostela e polo formato, xusto no medio da zona vella, un lugar con moito movemento cultural», apunta Héctor Ojea. A presenza do grupo, ademais, supón a achega dun estilo musical que non é moi frecuente nas bandas galegas. «Non hai moitas formacións en Galicia que fagan este tipo de música. Hai moitos grupos de rock, pero do estilo que facemos nós, non tantos. Entón para os que lle gusta o rock alternativo é a oportunidade de gozar del en directo», di o músico, apuntando, iso si, que todos van gozar. «A música que facemos é bastante intensa, de guitarra a tope e enerxía», engade. Segue tendo o seu sitio o rock nun momento dominado polas músicas urbanas? «O rock sempre tivo o seu sitio e sempre o vai ter. Ao final, houbo épocas nas que era a música dominante, e quizais agora non o é tanto. Hai un público que seguimos estando aí. Aínda queda corda para rato», responde o cantante.

Polo de agora, Battosai ten previsto continuar con ese segundo disco no cerne da súa actividade. «Queremos gozar deste traballo e darlle máis veráns, pero sempre andamos cavilando en novas ideas», apunta.

No Feito a Man hoxe tamén actuará Chekan (rúa de Santo Agostiño, 20.30 horas) ofrecendo versións de rock latino dos anos 70.