Unha broma entre amigos converteu a Manu Rey nun fenómeno viral

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Durante 21 días o compostelán non soubo que existía unha conta con vídeos seus en Instagram e, en menos dun mes, xa roza os 90 mil seguidores

26 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«El non sabe que esta conta existe, pero merécese que o sigades, porque é esa persoa que merece 100% ser famosa». Así explicaban os amigos de Manuel Rey Otero, coa influencer compostelá Zoe García (@conzdezoe) á cabeza, a súa idea de compartir co resto do mundo as xenialidades dun rapaz descoñecido ata o de agora, extrovertido e cunha capacidade innata para sorprender aos que o rodean coas súas divertidas ocorrencias. O que comezou como unha broma interna acabou converténdose nun dos fenómenos virais do verán e conquistou Instagram grazas a unha estratexia levada a cabo en segredo liderada pola creadora de contido dixital que triunfa entre a xeración Z. Tan ben saíu a xogada que o perfil de @manu_rei_ xa roza os 90.000 seguidores, aínda que fai menos dun mes que se creou (moi preto dos 94.000 que ten a súa boa amiga Zoe na plataforma de Meta).

Durante 21 días, Manu non soubo da existencia dunha conta que mostraba vídeos seus, dando a coñecer a súa cara máis espontánea e simpática no día a día: disfrazado, aparecendo no medio dunha verbena con pizzas para todo o grupo, conducindo co seu particular playlist... Ás dúas semanas, xa tiña 30.000 seguidores. E, vendo a dimensión que estaba a coller, os seus amigos decidiron revelarlle o que fixeran e deixar en mans deste santiagués de 30 anos a decisión de continuar con este perfil xa viral ou deixalo morrer —a pesar de que hai vídeos que superan os 4,5 millóns de visualizacións—.

«Pero isto que é? Isto é unha tolemia... Que barbaridade! O que non entendo é por que a xente me miraba...», respondía el, atónito, nun primeiro momento. Este mozo, que sempre traballou como coidador de persoas con diversidade funcional e como monitor de campamentos, atopouse tamén cunha inesperada comunidade de persoas que o adoraba pola súa naturalidade e bo humor. Os seus amigos, de feito, entregáronlle o día da gran revelación unha recompilación encadernada das mensaxes que lle escribiran outros usuarios de Instagram, algo que a el agradoulle, a pesar de que «nunca fixen nada pensando en ensinalo», destacaba.

«É tan random que non se pode nin explicar, simplemente dicir que é precioso sentirse libre de facer o que che dea a gana cando estas rodeado de xente que te quere e non xulga. Creo que vergoña xa non está no meu vocabulario», escribía nunha das súas últimas publicacións Manu, quen empezou a facer os seus primeiros vídeos de autoría propia, sen perder de vista esa vis cómica que fascinou desde o inicio aos seus seguidores.

E, para rematar de confirmar que asumiu con humor e humildade esta fama non buscada, na biografía do seu perfil de Instagram escribiu a frase: «Modo estrela activado».