A cantante Lucrecia, ante o seu concerto no Cristobaliño: «Que a miña xente saiba que imos gozar en Negreira»

Emilio forján

SANTIAGO

.

A artista traerá ás festas unha selección de temas dos seus novos traballos, clásicos e cancións en galego

24 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A cantante cubana Lucrecia é un dos pratos fortes do Cristobaliño, o entroido de verán de Negreira que se celebra este sábado (Praza do Concello, 23 horas).

—Se lle digo Galicia?

—Encántame Galicia, vou moito ao programa «Luar» e aí mesmo fixen versións de cancións que son emblemáticas da música galega, en versión salsa, e que vou cantar este sábado, como «Un canto a Galicia», «A Rianxeira» e incluso levo unha versión de ritmo electrolatino que non está subida nas plataformas do tema co que se despedía antes «Luar»: «Apaga o candil».

—«Guantanamera», «A vida é un entroido», «Pata pata»... Vostede canta himnos que todo o mundo coñece.

—Que a miña xente saiba que imos gozar mutuamente en Negreira con todas estas cancións e máis, con moito merengue, porque ademais tiña moitas ganas de actuar en Galicia e cantar cancións en galego para min é un pracer.

—Como é a súa nova produción?

—É a miña primeira produción salsera que xa tiña ganas e ímolo a estrear agora no Cristobaliño co primeiro sinxelo que é «Guayabera de Melao».

—Que significou a súa amizade con Andy García?

—No 2010 fora nomeada aos Grammy latinos con Andy García e Celia Cruz polo álbum de Cuba, que non gañamos. Si o fixemos ao ano seguinte por «The last mambo», a homenaxe ao gran Cachao. Cando veu a España chamoume para que cantase xunto a Cachao e Bebo Valdés, na presentación do documental «Como o seu ritmo non hai dous». Amizade total, ata se veu a Los Ángeles cando fun gravar o disco e puxo a súa voz en «Guantanamera» e puxo o baixo e a percusión de voz na versión a capela de «Siboney».

—Gravaches grazas a el «Guayabera de Melao» en Santo Domingo.

—En 2024 preguntáronlle quen podía actuar nunha festa dun tabacalero moi importante de Santo Domingo, Carlitos Fuentes, e alá funme porque me propuxo a min e grazas a iso gravamos alí a canción. Fíxate ti as voltas que dá a vida, os bos amigos que os tes, que non os molestas moito, pero grazas a Andy García gravei o meu sinxelo.

—E a xira Celia vive?

—É marabilloso ser a voz do centenario de Celia Cruz. Comezou en xaneiro deste ano en Miami-Florida e percorremos Nova York, México e estivemos no Teatro Nacional da República Dominicana onde o pasado 5 de xullo fíxose «Celia o musical», que desde 2019 non facíase e causou un grande impacto. En agosto faremos outro concerto homenaxe a Celia, que é a madriña de min fillo. Neste caso coa Fania All-Stars, e en agosto estaremos en España, nOs veráns da vila, con «Celia vive», en Madrid.