
O Observatorio Ramón María Aller, en Santiago, celebrou o centenario da chegada do refractor Steinheil, que marcou un antes e un despois na investigación astronómica moderna
12 jul 2025 . Actualizado á 19:27 h.Hai 100 anos, en 1925, chegaba a Galicia unha xoia para a observación do ceo que supuxo un antes e un despois na investigación astronómica moderna en España. O telescopio Steinheil, adquirido en Alemaña por Ramón María Aller, comezou a funcionar en Lalín, onde este sacerdote dezán namorado das estrelas viuse obrigado a modificar a estrutura do seu observatorio para instalalo. Merecía a pena facelo, porque este emblemático refractor permitía observar astros que antes non acadaba a ver, así como eclipses de Sol e de Luna, facer un seguimento de manchas solares ou superficies planetarias... e, sobre todo, dedicarse ao estudo das estrelas dobres e calcular as primeiras órbitas destes sistemas binarios a nivel nacional.
Este instrumento histórico da astronomía consérvase hoxe en perfectas condicións e aínda operativo en Santiago, no observatorio da USC, ao que chegou en 1944 e foi o seu principal instrumento de observación ata 1983. «Sen el non habería observatorio», afirmaba esta mañá o coordinador científico do mesmo, José Ángel Docobo, durante a conmemoración do centenario da chegada do refractor Steinheil a Galicia. Neste contexto deuse a coñecer tamén a primeira fase das obras de reforma e mellora das instalacións que levan o nome do propio Ramón María Aller, un centro que hoxe fomenta desde a investigación científica ata a formación de alumnado universitario e a realización de programas divulgativos abertos á cidadanía.
Ademais do profesor Docobo, no acto conmemorativo participaron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o xerente da USC, Javier Ferreira; ou a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; entre outros. O portavoz da Xunta puxo en valor a traxectoria do observatorio compostelán e destacou o carácter pioneiro do pai Aller e a relevancia internacional das súas achegas: «Este centenario non só serve para lembrar un fito histórico na astronomía galega, senón tamén pare cecoñecer un espazo vivo, onde a ciencia se transmite, se investiga e se comparte coa sociedade».
O Observatorio Ramón María Aller non só conserva instrumentos históricos da astronomía como o refractor Steinheil e outros aparellos máis modernos que o sucederon para un estudo máis preciso do universo, ademais conta cunha biblioteca especializada de gran valor e cunha estación meteorolóxica que colabora desde hai tres décadas coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). E, a proxección que outorgou o xa centenario telescopio galego, mantense hoxe no observatorio da USC, cunha actividade científica recoñecida a nivel nacional e internacional.