
«Facémolo co corpo» poderá visitarse ata o 28 de setembro
19 jun 2025 . Actualizado á 04:55 h.«Facémolo co corpo. A ‘performance’ é cousa de mulleres» abreu onte as súas portas no Auditorio de Galicia co obxectivo de visibilizar o relevante papel de mulleres artistas na historia da «performance» e percorrer o desenvolvemento desta arte en Galicia. Para iso, reúne accións e proxectos de vinte e dúas mulleres artistas, galegas ou vinculadas ao país.
Deste xeito, a exposición amosa os traballos de figuras fundamentais no panorama galego, estatal e internacional como Marina Abramovic, Pilar Albarracín, Rosana Antolí, Teresa Búa, Esther Ferrer, Dora García, Ana Gesto, Amaya González Reyes, Maider López, Anna María Maiolino, Teresa Margolles, María Marticoreana, Loreto Martínez Troncoso, Ana Mendieta, Olga Mesa, Itziar Okariz, Mery Pais, Alejandra Pombo Su, La Ribot, Verónica Ruth Frías, Neves Seara e Verónica Vicente.
Numeroso público respaldou onte a inauguración de «Facémolo co corpo», que poderá visitarse ate o 28 de setembro —o acceso é de balde—. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presidiu o acto no que tamén participaron Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo, que foron os comisarios desta mostra que tamén reflicte a loita das mulleres artistas por gañar espazo nas institucións.