Un motorista perde a vida en Padrón ao chocar contra un turismo cando realizaba un adiantamento

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Segundo a Garda Civil, a vítima, de 65 anos, faleceu no acto

09 jun 2025 . Actualizado á 19:16 h.

Un home de 65 anos de idade perdeu a vida este domingo na localidade de Carcacía, en Padrón, cando a moto na que circulaba chocou contra un turismo. Como consecuencia do choque, o motorista faleceu no acto. Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o sinistro tivo lugar cando o motorista circulaba á altura do punto quilométrico 5 a estrada AC-242, que comunica Padrón con Pontevea, no municipio de Teo. A Garda Civil asegura nesa información que o motorista realizou un adiantamento en liña continua e chocou contra o turismo.

Pola súa banda, o 112 Galicia indica que recibiu o aviso do sinistro ás 18.20 horas, cando un particular alertou da colisión entre unha moto e un turismo. O interlocutor advertiu entón ao 112 que o motorista se atopaba no chan, inconsciente.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias 061, ao GES de Padrón, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil. E a Garda Civil de Tráfico desprazou ao lugar dúas patrullas de motoristas e un equipo de atestados de Santiago. Pero, a pesar de a rápida intervención dos equipos de emerxencia, sinala o 112, o motorista faleceu a causa do fatídico accidente.