Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago: «Hai unha situación de emerxencia de vivenda e hai que tomar medidas valentes»
SANTIAGO

A nacionalista non cre que a ruptura do PSOE lle complique un mandato no que «conseguimos desatascar cousas e avanzar»
02 jun 2025 . Actualizado a las 21:00 h.Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) afronta o ecuador do mandato coa gobernabilidade pendente en boa medida do PSOE e dos seus expulsados. Aínda que cun goberno moi minoritario (8 concelleiros de 25), a nacionalista asumiu a alcaldía hai dous anos arroupada dende a oposición por un PSOE que, entón con seis edís, era suficiente para contrarrestar ao PP (11). Hoxe necesita tanto aos dous socialistas que quedaron tras a ruptura do grupo como aos catro non adscritos.
—A ruptura do PSOE complicaralle o que resta de mandato.
—Eu creo que non, ata o de agora traballamos co PSOE como socio preferente, co que falamos moitas cousas. E entendo que todos van ter responsabilidade suficiente e altura de miras para tomar decisións sobre o que precisa a veciñanza. O único que temos que facer é dialogar máis. Entendo que iso non vai facer que caian proxectos relevantes para a cidade, que é no que ata o de agora tivemos o apoio do grupo socialista.
—Si, pero tamén lle teñen dito que non pode estar apelando á súa responsabilidade sen máis, e as dúas bandas cuestionan a súa disposición ao diálogo.
—Este é un goberno en minoría que leva quitados dous orzamentos con acordos, o planeamento do Peleteiro e temas de vivenda. Son cuestións que significaron chegar a consensos. Así que non creo que non haxa diálogo e, insisto, o que faremos será reforzar as canles de comunicación. A veciñanza ten moita ilusión de cambio, de transformación da cidade e nos esixe que cheguemos a acordos. E esa idea que se alenta desde algunha bancada de que isto vai ser un caos, é evidente que non.
—A Xunta acaba de declarar A Coruña zona tensionada para o mercado do aluguer. Agarda esa mesma celeridade para Santiago?
—Si, porque creo que fixemos moi ben o noso traballo. Está demostrado que cumprimos en todo o territorio os criterios para esa declaración. Estamos tentando facer políticas en vivenda en moi diversos ámbitos. Esta é unha, importante, necesaria, que cremos que ten que saír adiante, pero estivemos facendo outras, como conseguir que poida haber vivenda protexida en pleno centro e estamos rematando o proceso para ceder parcelas á Xunta para que faga as súas vivendas. E imos rehabilitar vivenda en Caramoniña e, por primeira vez neste concello, saíron a poxa pública vivendas en ruínas. Creo que estamos nunha situación de emerxencia de vivenda e que temos que tomar medidas arriscadas, valentes. Á forza temos que dar pasos adiante e ir vendo e corrixindo e recorrixindo.
—Verea observa que esa declaración non vai solucionar nada e que asustará máis aos propietarios.
—Creo que xa está máis estendido que a función social da propiedade é necesaria e todo o mundo é consciente de que debe haber uns prezos razoables. E tamén é evidente que esta non pode ser a única medida. Esta é mentres non se aplican outras estruturais que teñen que chegar, como máis vivenda protexida e rehabilitación.
—As súas políticas para facer un parque público de vivendas de aluguer aportarán solucións de escasa entidade numérica, mentres a Xunta aínda agarda a que lle cedan dúas parcelas para facer vivenda protexida.
—Os procedementos da Administración levan o seu tempo, pero a Xunta pasou anos sen promover vivenda de protección. Agora estao facendo e saudámolo, e cumpriremos co noso, pero non pode ser a única medida. Hai que andar moito máis en políticas de rehabilitación e podería facerse máis se a Xunta considerase o que lle propuxemos e dixo que non: de nós adquirir vivendas e ela rehabilitar.
—PP e PSOE din que ata agora só actuou por inercia do herdado. Faga balance destes dous anos.
—Sempre dixemos que tiñamos que seguir coas cuestións que estaban en marcha, e se temos como socio preferente ao PSOE é lóxico que digan que queren que se manteñan. Pero tamén entendiamos que algúns deses proxectos eran moi interesantes, como que o pazo de Raxoi sexa accesible. E estaban previstas obras no Pombal, e fixéronse de maneira modélica. Empezar de cero sería unha loucura, pero á parte diso, houbo decisións valentes, moi arriscadas.
—Como cales?
—Aínda que xa se iniciara o proceso ou xa se falase diso, nós puxemos Santiago no mapa do debate público cando conseguimos que a Xunta aprobase a lei de estadías turísticas que agora van seguir outros concellos. Por suposto que hai cousas que viñan de atrás, pero o importante é que conseguimos desatascalas e avanzar, como o acordo da parcela Peleteiro e rematar o proceso das VUT. E sacamos a poxa de vivendas en ruínas e conseguimos poñer no mapa, e este é un cambio moi substancial, a defensa dos intereses de Santiago dende unha perspectiva de orgullo de ser de Santiago. Agora podemos discutir que cantidade se dá polo Consello da Capitalidade, pero o que ninguén discute é que Santiago merecía máis. Orgullo e defensa dos intereses de Santiago por riba de todo, e tamén tentar conseguir que nas festas haxa unha reivindicación diferente do que quere ser apoiando a cultura máis popular, local e en galego… E logo acompañar todo iso de moita reformulación interna. Creamos unha comisión de simplificación e axilización administrativa que está preparando cousas e levamos a taxa de reposición até o límite posible. Hai moitas cousas no que o balance é moi positivo. E sabemos que hai cuestións que non se ven nin en dous anos nin en catro, senón que teñen que ser máis a medio prazo.
—Algunhas si se ven e hai descontento co estado de moitas rúas.
—Santiago e un concello complexo. Temos unha cantidade inmensa de rural, a cidade histórica, e conflúen moitas administracións, o estudantado e a afluencia turística, das de maior presión por habitante. E todo iso significa que ás veces os recursos non poidan dar para todos lados e ter que empezar por un e acabar polo outro, pero estanse facendo actuacións, e actuacións importantes.
—Para cando eses proxectos de renovación de Doutor Teixeiro e Santiago de Chile, e o concurso internacional para Virxe da Cerca?
—O do conector central vai saír en breve. As cousas precisan o seu tempo, hai que dar pasos seguros e ese proxecto vai definir o futuro urbanístico do entorno do casco histórico. E o modelo que queremos para o Ensanche ten que potenciar o seu valor comercial e ganar espazo para as persoas, pero tamén ir acompañado dunha alternativa para os coches, polo que todo ten que ir acompasado do momento en que na intermodal poida haber ese aparcadoiro en altura.
—A alcaldía colma as súas aspiracións políticas?
—Por suposto que si, non hai nada que produza máis honra que estar á fronte da alcaldía do lugar onde vives e onde queres poder facer o mellor para a veciñanza. Estou máis que satisfeita, é un privilexio.
—Tampouco pecha as portas a outros posibles destinos?
—Pecho as portas por completo. Nada que non sexa estar á fronte do goberno de Compostela ten o meu interese político. O resto é axudar no que poida na construción e no traballo que a nivel nacional defina o BNG, pero pecho as portas a ningún outro cargo.
«A taxa turística é realidade en Galicia por Santiago»
As principais asociacións que representan ao sector da hospedaxe din que aínda non saben como se cobrará a taxa turística, cando son eses establecementos quen terán que cobrala.
—Nesas circunstancias, está en disposición de asegurar que a taxa empezará a cobrarse en agosto?
—Si. Haberá unha reunión específica para explicarlles como se vai facer, pero eles terán que facer autoliquidacións cando entre en vigor. Pero houbo diálogo, o sector participou en xornadas, en reunións conxuntas, en reunións específicas.
—Eles entenden que foros como os organizados non responden á necesidade dun contacto específico para abordar a cuestión.
—A edil de Turismo tense reunido a soas co sector en numerosas ocasións, e en todo caso haberá unha reunión concreta para explicar o procedemento. Que non se apuren, que ese non vai ser ningún problema. Eu creo que o importante é que Santiago foi neste caso vangarda, foi pioneira. A taxa xa é unha realidade en Galicia grazas ao goberno de Santiago.
—E cal será a prioridade para a inversión deses fondos?
—A lei condiciona o destino do 80 % e hai un foro que se constituirá para iso. A todos se nos ocorren cuestións a facer con ese diñeiro, pero verase nese foro.
«É evidente que Santiago non ten un transporte á altura do que merece»
A última enquisa de Sondaxe deixa a Santiago no penúltimo lugar en nivel de satisfacción coa xestión municipal. Sanmartín, apunta, non obstante, que quitando Vigo por arriba e Ourense por abaixo, a de Santiago está moi próxima ás demais cidades e conclúe que «en conxunto hai unha boa valoración da xestión e unha suba do apoio popular» ao goberno, porque «ven que estamos transformado». Asume que «hai cuestións que non se puideron facer nestes dous anos», pero «viñemos para quedar e para facer cousas a máis medio prazo».
—No movemento veciñal hai certo descontento coa atención do goberno.
—Non sei a que se refire con descontento veciñal, pero nós recibimos numerosas asociacións, asistimos ás reunións que nos convocan e activamos espazos de encontro e foros de dialogo que ata agora levaban anos durmindo (...). Este é un goberno que escoita, que recibe e que actúa en defensa dos intereses de Santiago.
—Que pasa co contrato do transporte? Van alá dous anos e dende a oposición pedían celeridade.
—É verdade que quereriamos que fose máis rápido, pero o edil de Trafico xa explicou que queriamos que fose coa maior seguranza posible. Houbo sentenzas noutros lugares e normativas que mudaron e queriamos que fose o mellor posible. Non imos tardar moito.
—Todo iso xa o dixeron en xaneiro.
—O que podo adiantar é que en breve vai haber comunicación de todo no que estivemos traballando. O tempo investido en que iso saia ben e tempo gañado para que non haxa recursos nin cousas que haxa que refacer. Todos sabemos que o goberno anterior o intentou, que isto é moi complexo e queremos que camiñe sobre pés firmes, para empezar nesa recta final para ter un transporte á altura do que Santiago merece, que é evidente que non o ten nestes momentos.
—O alcalde de Ames amosábase algo decepcionado estes días con vostede porque o parque comarcal de bombeiros non acaba de arrancar. E apuntaba que Santiago agora pide máis.
—O alcalde de Ames sabe que el ten unhas obrigas, como concello que supera un número de habitantes, que fai que hai anos tiña que ter parque de bombeiros. Santiago, con xenerosidade e ganas de botar unha man aos concellos do arredor, decidiu poñerse á fronte para poder ter un parque comarcal. Queda por limar algunha cuestión de matiz que na Deputación están rematando de mirar e creo que non vai tardar en contestar á última formulación que fixemos, non pola nosa conta e risco, senón despois de reunións onde chegamos a unha serie de cuestións que entendiamos que había que modificar. Estou segura de que é unha prioridade que imos ver neste mandato.
—Tamén o edificio?
—O edificio estará medianamente empezado.
—Dous anos despois non se ven resultados da reforma interna da Administración. Os procedementos, os pagos, os prazos non se alixeiran. Onde está o atranco?
—Estamos facendo mudanzas substanciais, e acabará por verse. E máis lento do que esperabamos, pero hai indicios de que imos polo bo camiño e a ninguén se lle escapa que se necesitan máis recursos humanos, que se precisa a eliminación da taxa de reposición.