A folga do servizo de recollida de lixo e limpeza dos espazos públicos de Santiago, convocada para comezar hai nove días, non chegou a producirse porque se acadou un acordo no último momento entre a concesionaria Urbaser e os representantes dos seus traballadores. Aínda así, o conflito tivo consecuencias, e recoñeceuno o propio presidente do comité de empresa ao anunciar en La Voz que se tardaría dous ou tres días en recuperar a normalidade no servizo. É dicir, aínda que non comezara oficialmente a folga, esta xa era unha realidade, como se podía percibir en numerosos puntos da cidade, onde se acumulaba o lixo onda os colectores. Había xa un paro encuberto ou, visto ao lado do persoal, probablemente un cumprimento estrito do establecido no convenio colectivo que vencera a finais do pasado ano. Descoñezo se o presidente do comité calculou mal o tempo que se tardaría en recuperar a normalidade ou se continuou a folga de celo dos traballadores do servizo polo feito de que, pese ao acordo in extremis, tiveron que realizar importantes cesións nas súas demandas de melloras laborais. En todo caso, a realidade é que, nesta ponte da Ascensión, as rúas da cidade deron noxo pola acumulación de lixo ao redor dos colectores, onda os portais ou depositada de calquera xeito ao longo das rúas máis transitadas. Onte mellorouse, pero tamén. O que preocupa é, moito máis que a lamentable imaxe que ofreceu Santiago nestes días de abarrote turístico, a existencia dun problema de fondo no servizo que foi nítidamente percibido polos cidadáns e que nos transmiten en comentarios cotiáns sobre o estado da cidade. O barómetro de Sondaxe publicado o domingo pasado, por tanto, non fai máis que constatar a realidade cando establece como principal motivo de desencanto coa alcaldesa, tras o xenérico do incumprimento de promesas tras dous anos de mandato, a mala xestión en canto a limpeza e lixos. Un tema este, como tantos outros, no que non cabe mirar para outro lado e botarlle a culpa á Xunta ou a outras administracións. O primeiro é ter a propia casa limpa e ordenada.