Penido compite en Europa contra os rivais e as limitacións económicas

SANTIAGO

CEDIDA

Nas probas próximas usa o Mini, que está en venda, para as do centro do continente opta por deixar o Clio en Croacia e aforrar custos de desprazamento

28 may 2025 . Actualizado á 22:06 h.

O paso dos anos non afecta na ilusión do santiagués Luis Penido á hora de exporse retos ao volante. Esta tempada quixo dar un paso adiante no Campionato de Europa de Montaña, participando en máis subidas que en campañas anteriores. E cun coche máis competitivo, un Clio.

Atrás quedan catro probas e é líder da clasificación continental do seu grupo, o 5. Pero hai un dato que pon máis en valor a súa participación, xa que é terceiro na xenerala de turismos, entre 66 pilotos. Por diante só están o italiano Ou'' Play (Mitsubishi Lancer EVO IX, grupo 3) e o macedonio Igor Stefanovski (Ferrari 488 Challenge EVO, grupo 1). Son monturas que están por diante en prestacións respecto ao Renault Clio e o Mini, os dous coches cos que está a competir o compostelán. E o mesmo cabe dicir dos pilotos que aparecen a continuación: o polaco Rozalski (Lancer EVO 9), o serbio Milovan Venic (Audi RS3)...

Para Penido o gran problema é cadrar presupostos. O campionato consta de once probas, das que se refugan os dous peores resultados para a clasificación final. Xa dá por feito que non poderá participar nas once, e tampouco sabe ata onde poderá chegar. Aínda así, ten que facer mil equilibrios, como os malabares dos pratos chineses, para que non caia ningún.

De momento, se apresta a tomar parte na quinta cita, na República Checa. E aí entra o encaixe de palillos para tratar de cubrir presupostos.

Comprou o Renault Clio, máis adaptado para a montaña e con máis potencia que o Mini, que está á venda. Pero, mentres non aparece comprador, nas probas que lle quedan máis preto de casa, como as dúas últimas, as subidas a Falperra e o Fito, corre co Mini porque aforra gastos de intendencia, no traslado das monturas.

Co Clio optou por alugar unha base en Croacia e non traer o coche a Santiago despois de cada carreira. Aforra custos en citas como as deste fin de emana. Desde Compostela tería que cubrir 2.900 quilómetros á ida e outros tantos de volta. Desde Croacia, 700 e 700.

Esta fin de semana compite na localidade checa de ?ternberk. El viaxará á primeira hora ata Viena, vía Barcelona, e completará en coche as tres horas de desprazamento ata o destino. Non é a mellor combinación, pero si a máis económica. Ao propio tempo, o Clio será trasladado desde Croacia. O piloto santiagués apenas terá tempo para familiarizarse cun trazado que só puido ver a través de vídeos na internet, xa que será a súa primeira participación nesta carreira.

Máis aló de avatares e circunstancias, ten claro o obxectivo: «Intentaremos dar o mellor de nós para volver subir ao podio, pero sabemos que esta carreira na República Checa será das máis complicadas pola cantidade de pilotos de alto nivel cos que temos que competir, ata dez pilotos participarán na nosa categoría».