Non teñan vostedes, pacientes veciños-electores, dúbida ningunha. O horizonte dos comicios locais do 2027 está xa definido e tamén as follas de ruta. O barómetro de Sondaxe traza a liña de saída. Había expectación: Como percibirán os composteláns o autodesastre socialista? Convencerá o rostro amable cara ao que pronto soubo virar o BNG de Goretti Sanmartín? Tocaría teito a vontade de cambio que representa Borja Verea? A estes grandes interrogantes dá resposta o barómetro do ecuador do mandato municipal, sorprenda ou non, onda a evidencia das grandes preocupacións colectivas dos composteláns, lideradas polo gravísimo problema da vivenda, que de seguir así, sen as medidas efectivas de choque que require, seguramente pasará factura, na medida que competa porque o desafío, nada sinxelo, require unha acción pactada e urxente entre Concello e Xunta. Os socialistas non deberían autoenganarse co amable resultado da sondaxe, que lles vaticina, a día de hoxe, a perda dun só concelleiro respecto aos comicios do 2023 e a recuperación doutro respecto ao barómetro de hai xustamente un ano, cando se lle atribuían catro. Moito vai ter que remar o partido e sacando a escena, máis pronto que tarde, a un candidato á medida do reto que se lle presenta se non quere quedar reducido á irrelevancia. E Goretti non pode caer na autocompracencia de ser a mellor valorada, a pesar de un leve retroceso no último ano, nin de que o seu goberno suba a nota a 5,1 sobre 10, fronte ao 4,86 de maio do 2024. Que é ilusionante no seu goberno? O seu principal valor é coller polos cornos o touro de prioridades que esbozaron gobernos precedentes e tirar de vontade política para polas en marcha, e a ver como acaban, pero está moi escaso de proxectos ilusionantes con marca propia. Non vale responsabilizar á Xunta do que non remata de saír. Nin a Borja Verea valeralle agardar que San Caetano lle saque as castañas do lume. O barómetro avísalle de que o roto socialista está lonxe de transvasarlle os votos do electorado de centro que necesita para acadar os dous concelleiros que lle faltan para a maioría absoluta, pese ao aumento de dous puntos en estimación de voto. Rendibilízao o BNG, que gañaría o edil que se deixa o PSOE. A batalla está servida.