Xabier Castro, alcalde de Dodro: «Seguirei buscando acordos puntuais o máis amplos posibles para gobernar»

SANTIAGO

Non superou a cuestión de confianza, pero ve difícil unha moción de censura
17 may 2025 . Actualizado á 21:05 h.«Contaba coa cuestión de confianza dende o día seguinte da miña investidura como alcalde». Así de realista se amosa o rexedor socialista de Dodro, Xabier Castro Tourís (Lestrobe, 1964) despois de que o seu goberno en minoría de tres concelleiros (de once da corporación) non recibira a confianza do pleno na cuestión que formulou o alcalde vinculada a aprobación do orzamento do Concello deste ano.
—Que valoración fai do pleno no que so obtivo o apoio do BNG?
—Agridoce, pero non agardaba outra cousa. Nas súas intervencións, os portavoces dos grupos políticos amosáronse tal e como son, incluso no ton do debate. O PP negando a maior; a Unidade Veciñal atribuíndose méritos de cando formaba parte do goberno e dicindo que agora todo é un desastre; o BNG con certa sensatez; e a intervención do portavoz de Xente de Dodro é incualificable.
—Pensou en estar nesta situación a metade de lexislatura?
—Si, porque no momento en que tentas reeditar o acordo de goberno da pasada lexislatura co resultado que deixaron as eleccións, e no que so o PSOE mantivo o tipo, e te atopas con condicións inasumibles para un executivo con tres partidos, xa sabes que pode pasar isto. Non é nada estraño.
—Ve aos grupos que non lle deron a confianza (Xente de Dodro, PP e Unidade Veciñal) capaces de unirse para presentar unha moción de censura?
—Como alcalde sería difícil de explicar e como veciño moito máis, tendo en conta, por unha banda, que o PP expulsou ao que agora é portavoz de Xente de Dodro, que demostrou non ser un político democrático; e por outra, que os electores da UVD derivan, en boa parte, do BNG, polo que penso que sería difícil un pacto co PP. De conseguila unión, sería para saír na portada da prensa.
—A cuestión de confianza é o mecanismo legal ao que recorreu para aprobar o orzamento, que foi rexeitado por tres dos catro grupos da oposición. Dixo que eran as únicas contas posibles. Sígueo mantendo?
—Si, porque a prioridade deste ano é a contratación do servizo de axuda no fogar, que supón un custe moi alto, e a Relación de Postos de Traballo (RPT), que é imprescindible para actualizar os soldos. Había traballadores que cobraban por debaixo do salario mínimo interprofesional e mesmo ninguén quere vir traballar ao Concello de Dodro polo pouco que paga. Unha vez regularizados estes gastos no orzamento, hai que mirar se hai marxe para facer modificacións de crédito e destinar diñeiro a outros fins, para o que terei que chegar a acordos.
—A nivel de ingresos, Dodro non ten marxe de mellora?
—Precisamente cando pasen os tempos da cuestión de confianza, a miña intención é negociar con tódolos grupos unha actualización de impostos e taxas, algunhas das que están moi atrasadas. En Dodro non hai un polígono industrial que aporte ingresos nin outra fonte importante que o faga, máis alá das inversións externas, sobre todo da Deputación.
—¿Como está sendo gobernar en minoría, con tres concelleiros?
—Bastante duro porque non hai delegacións de áreas e teño que recoñecer e agradecer o traballo dos meus dos compañeiros, Teresa Batalla, traballadora en activo, e Ramón Abuín que, xubilado, dedica o seu tempo de lecer a traballar polos veciños de Dodro.
—Como fan para sacar adiante o traballo tendo en conta que so hai unha dedicación, e ademais parcial, que é a súa?
—Botándolle moitas horas e apoiándonos e confiando nos traballadores e técnicos municipais.
—Que valoración fai dos dous anos de mandato que xa pasaron?
—Que é difícil gobernar en minoría. Os veciños elixíronos para que nos puxéramos de acordo e dóeme non chegar a pactos máis amplos. Aínda así, imos sacando adiante temas razoables que contan co apoio da maioría dos concelleiros e así terá que seguir sendo porque non ten pinta de que a situación política de Dodro cambie, de que nun futuro próximo volva a haber unha maioría absoluta, a favor do meu partido ou doutro, polo que toca chegar a acordos.
—Tras a cuestión de confianza ve posible incorporar ao goberno á Unidade Veciñal, coa que non chegou a acordo no 2023?
—Nós xa o intentamos antes e xa llo ofrecemos tanto a ese grupo como ao BNG, pero cada día parece que é máis complicado chegar a un acordo a tres.
—Tendo en conta que non é probable que haxa unha moción de censura, en que centrará o que resta de lexislatura?
—Pois en seguir sacando adiante a actividade do Concello, o que supón seguir negociando para buscar acordos puntuais o máis amplos posibles.
—A vida política de Dodro segue saltando aos xulgados?
—A día de hoxe non sabemos de ningunha nova denuncia interposta polo portavoz de Xente de Dodro. Se non lembro mal, nos seis anos que levo de alcalde tiven sete denuncias penais súas. Na última sentenza, a xuíza xa o sinala por facer un uso torticero da Administración de Xustiza.