Celebrar á nai natureza cun colorido mural que invita a coidala

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O colexio Compaña de María desenvolve o plan Con-CienciaT, que dotará ao horto escolar de rega por goteo

13 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Coidar o medio ambiente e concienciar sobre o que cada persoa pode facer por el está no ADN do colexio Compaña de María, algo que a partir de agora será moito máis visible grazas ao mural que adorna un dos seus espazos, deseñado e pintado por escolares de primaria e ESO con motivo da pasada celebración do Día internacional da Nai Terra, que se conmemora cada 22 de abril.

Esta actividade está en marcada na participación do colexio no proxecto Voz Natura, promovido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

Nesta edición están a desenvolver o proxecto Con-CienciaT, que implica a todos os ciclos educativos e que está baseado en tres piares: o horto escolar, a sensibilización para o coidado do medio ambiente e a metodoloxía de coenseñanza ou coaprendizaje entre iguais na ciencia e o método científico.

A aposta científica para o horto escolar, segundo detallan David Caldas, docente encargado do grupo de medio ambiente, e Tito Novoa, coordinador das actividades de Voz Natura, permitirá dotar a estas instalacións dun sistema de rega por goteo elaborado con materiais reciclados. A choiva achega a auga e a ciencia pon o resto cos coñecementos adquiridos polo alumnado en tecnoloxía, programación e robótica.

Este proxecto permite inculcar o compromiso para un consumo eficiente da auga e a demostración empírica do valor que ten a ciencia para conseguir o uso óptimo da auga doce, un ben tan escaso no planeta cono necesario para a supervivencia de todas as especies que o habitan.

O desenvolvemento do proxecto está estruturado por trimestres, con actividades diferentes para os ciclos educativos de infantil, primaria e bacharelato. Durante o período lectivo do ano pasado, baixo a epígrafe «Coñecendo a auga e o noso horto», construíron xardineiras, recolleron auga e analizaron o seu consumo, retiraron restrollos, deseñaron titoriais e investigaron sobre o cambio climático. Desde xaneiro, coas ideas de coidar e compartir, fixeron as plantacións, instalaron depósitos de auga e continuaron co proxecto de rega por goteo, ademais de pintar este mural ecoloxista coincidindo co Día internacional da Nai Terra. Ese día tamén pintaron e repartiron bolsas reutilizables.

Anos de traballo que dan os seus froitos

O colexio Compaña de María participa desde hai anos con Voz Natura, programa co que puxeron en marcha o horto escolar, tamén co apoio das familias. Tito Nóvoa, coordinador do programa, destaca que a concienciación ambiental é un dos eixos sobre os que pivota o modelo educativo deste centro, que celebra con actos especiais distintas datas como o Día internacional da Nai Terra.