O Padronés Cortizo gaña co ciclista Marc Torres na Bidasoa Itzulia

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

CCP

Martin Solhaug acariña a vitoria no Memorial Valenciaga, oitava proba puntuable da Copa de España

12 may 2025 . Actualizado á 18:59 h.

O Padronés Cortizo sumou a súa undécima vitoria da tempada na Bidasoa Itzulia. Nesta ocasión foi Marc Torres quen estreou a súa palmarés este ano, adxudicándose unha das voltas con máis soleira do calendario amateur. Chegou á última etapa da rolda guipuscoana ocupando o cuarto posto da xeral e a tan só 19 segundos do líder, Luis Lajarín.

O corredor ibicenco era consciente de que esa diferenza era salvable tendo en conta o seu perfil de escalador e que a tirada final entre Hendaia e Irún reservaba ata sete cotas puntuables. Con esas cartas, Torres foise a pola carreira desde os primeiros quilómetros, cando se formou unha fuga numerosa da que se foron caendo progresivamente integrantes. Na selección definitiva, sobreviviron catro ciclistas que se acabarían disputando o triunfo final polas rúas de Irún. Charlie Meredith adxudicouse a etapa e Marc Torres fíxose coa xeral, engadindo o seu nome ao palmarés dunha volta que historicamente impulsou os seus vencedores ao profesionalismo, entre eles, grandes do ciclismo como Abraham Olano ou Carlos Sastre.

«Quero agradecer ao equipo o gran traballo que fixo para que eu puidese asegurarme a vitoria. Especialmente, Tomás Pombo, facendo de freo de man para que o grupo perseguidor non conseguise neutralizar a fuga. Xa na subida, empecei a marcar un ritmo constante que só puideron aguantar tres corredores e conseguín o obxectivo. Estou moi contento e agardo que sexa a primeira de moitas», asegurou o corredor do Padronés ao termo da Bidasoa Itzulia 

Martin Solhaug acariña a vitoria no Memorial Valenciaga

Ademais da Bidasoa Itzulia, as estradas de Euskadi acolleron o Memorial Valenciaga, oitava proba puntuable da Copa de España e que ao longo dos anos se destacou como unha das máis importantes do calendario elite e sub 23.

En Eibar, o Padronés Cortizo quedou ás portas da vitoria despois dunha carreira disputada que fixo gozar aos amantes do ciclismo. Martin Solhaug finalizou segundo tras sucumbir no último metro ante o empurre do actual líder do campionato, César Pérez. Xusto antes de coroar Ixua, a menos de 30 quilómetros para o final, Solhaug, Pérez e Jesse Maris lograron abrir oco e afrontar o ascenso a San Miguel en solitario. A piques de acadar a cima do último porto, o corredor do Padronés Cortizo meteu unha marcha máis para distanciarse dos seus compañeiros de fuga, defendendo na baixada unha diferenza que roldaba os 15 segundos. A piques de entrar nas rúas de Eibar, Solhaug foi neutralizado polos dous perseguidores. Os tres protagonistas da aventura mantivéronse baixo vixilancia con vistas a un desenlace ao esprint. Solhaug lanzouno primeiro, César Pérez aguantou e logrou excedelo sobre a liña de meta.

O ciclista noruegués do Padronés quedou co mel nos beizos despois de protagonizar unha etapa épica. Conseguiu ascender ao segundo posto da xenerala da Copa de España, na que amplía diferenzas César Pérez tras esta vitoria. A Copa resolverase a próxima fin de semana en Galicia, en Padrón e Vigo, onde os padroneses intentarán buscar unha xesta para intentar recortar os 109 puntos de vantaxe cos que chega o líder do Finisher. O Padronés, que volveu vencer por escuadras no Valenciaga, ten practicamente sentenciado o triunfo por equipos na xenerala do campionato. De logralo, sería a primeira vez na súa historia, un novo éxito para unha entidade que non para de crecer nos últimos anos.