O apagamento nunha casa desconectada de Vedra: «Estaba co ordenador e nin me enterei»
SANTIAGO
Vitín Lema combina enerxía solar, leña e gasoil desde hai dez anos
11 may 2025 . Actualizado á 13:31 h.Decembro do 2015. Vitín Lema, traballador da USC e veciño de Merín (Vedra), convértese case por necesidade nun pioneiro do desenganche enerxético total porque non estaba disposto nin a pagar trescentos euros ao mes pola subministración eléctrica nin a gastarse máis de dez mil euros nun novo transformador que lle esixía entón Unión Fenosa para a súa casa, a 23 quilómetros de Santiago.
Novembro do 2021. O prezo da electricidade está polas nubes polo encarecemento do gas e a etapa pospandemia, pero Vitín Lema pagaba unha media de 25 euros ao ano pola subministración enerxética a toda a súa vivenda, a pesar de que nese momento estaba a rehabilitar a súa casa. O seu único temor nesa época foi o impacto dun temporal que provocou un apagamento e que pensou que podía arrincar ningún dos seus paneis solares. Non pasou nada.
28 de abril do 2025 ás 12.33 horas. España vaise a negro e Vitín segue ao seu por que non ten nin idea do que pasou, tal e como el mesmo lembra: «Estaba teletraballando na casa co ordenador e nin me enterei». Sóubeno á unha menos cinco por unha compañeira de traballo que me mandou unha mensaxe polo chat dicíndome que no había luz en toda a península». Aínda que a súa rede de fibra funcionou ata pasadas as cinco da tarde, si se decatou de que o seu teléfono móbil deixara de funcionar, aínda que non lle presta moita atención ao terminal, que falla de cando en vez, xa que é antigo e con acháquelos típicos tras recibir uns cantos golpes, «o último foi cando estaba podando e caeu xusto nunha pedra». «Se non é polo aviso desta compañeira, non sabería do apagón ata que a xente da casa non chegase de traballar», recoñece.
Para Vitín Lema o día do apagamento foi unha xornada totalmente normal, aínda que a última hora da tarde, cando chegou a posta de sol e con ela aos poucos foise impondo a escuridade total, saíu de casa. «Evidentemente», tiña curiosidade por ver que estaba a pasar. «Foi nese momento cando tiven unha sensación de pena, de mágoa total polo que estaba pasando».
Tras o seu percorrido pola escuridade, a vida na súa casa de Merín seguiu como calquera outro día de finais de abril, combinando o uso de leña para cociñar e utilizando a enerxía acumulada e proporcionada polos paneis fotovoltaicos instalados na leira da súa propiedade.
«Houbo xente que me dixo 'ti estás tolo' e despois acabou poñendo fotovoltaica»
Ao pouco tempo de consumar a súa desconexión total da rede eléctrica xeral, Vitín Lema comezou a recibir moitas peticións de información, que o atendeu encantado. Boa parte delas chegáronlle de veciños de Vedra e ningún ata lle dixo a típica frase de «ti estás tolo» ou «iso non vai funcionar». Co paso dos anos, calcula que entre vinte e trinta veciños da zona sumáronse á enerxía sostible, iso si, sen optar pola súa drástica opción dunha casa con desconexión total, «e entre eles está esa persoa que acabou poñendo fotovoltaica e dicíndome que nunca pensara que puidese funcionar».
Únete á nosa canle de WhatsApp
Cando se desenganchó da rede comezou a controlar o seu gasto anual en enerxía, que comezou cifrando nunha media de 25 euros anuais, pero hai tempo deixou de botar contas e estima que está a consumir menos de 20 litros de combustible ao ano, a pesar de que en momentos concretos necesita moita enerxía porque segue ampliando a súa casa e hai traballos como o pulido de madeira que tiran do consumo. «Eu fixen moitos cálculos antes de tomar a decisión, e cálculos pesimistas, pesando que si necesitaba dez, tiña que ter capacidade para quince», resume.