
Hai 6 anos moitos puñan en dúbida o proxecto da casa club de golf de Oroso, cuxa proxección foi en liña ascendente
09 may 2025 . Actualizado á 16:52 h.Cando media ducia de anos atrás Miguel Anxo Gómez, o moi popular Michel en Sigüeiro, e Juan Capellá fixéronse cargo dun tambaleante Tambre Golf —situado na urbanización Porto Avieira e pegado ao río que lle presta o nome— eran optimistas, «pero non pensabamos que fósemos medrar con tanta forza, agora este é un negocio perfectamente integrado na sociedade orosina que ten proxección internacional», en palabras de Michel.
O último acontecemento deulles ás. Non era o seu bautismo internacional, aínda que si o primeiro enfrontamento nunha competición anual xa clásica que desde hai 5 anos enfronta ás seleccións de Inglaterra e España. Pero non en golf, senón en cróquet.
«Non fai nin un ano que comezamos con este deporte e estamos moi gratamente sorprendidos da boa imaxe que xa ten», engade Michel, quen cre que ese éxito inicial débese «a dous factores: a que as nosas instalacións están hipercuidadas e a que é unha actividade moi relaxante». Quere resaltar igualmente que é un deporte «inclusivo», e que é un dos poucos onde homes e mulleres compiten ao mesmo nivel.
No aspecto negativo indica que «é un deporte sen visibilidade», aínda que se mostra optimista porque, lembra, «cando collemos este negocio, aberto a todos os cidadáns e expresamente aos veciños de Porto Avieira, houbo máis de un que despectivamente non daba un peso por nós, e agora temos proxección internacional».
Á pregunta de que vén agora, os donos de Tambre Golf and Croquet din que «aquí se descansa pouco tiempo, porque na segunda quincena de xuño teremos o campionato absoluto individual de Galicia (21 e 22), e uns días despois (26 ao 30) celébrase tamén o segundo campionato do mundo sénior de Pitch and Putch, organizado pola Federación Internacional de Pitch and Putt. E esperamos uns 120 xogadores, dos cales polo menos 35 serán galegos, seleccionados segundo o seu posto no ránking».

E gañou España
No torneo que puxo fronte a fronte os días 2, 3 e 4 deste mes ás seleccións española e inglesa (cada ano nun país, pero nunca tivera lugar en Galicia; xa que os anteriores foron en Madrid e en Sevilla) participaron seis xogadores por cada bando, que se enfrontaron nun total de vinte e sete ocasións neses tres días. «Houbo un ambiente extraordinario», resalta Michel, indicando que ou sábado foi o día con máis afluencia de xente, excedendo o centenar de persoas. «E ademais retransmitímolo en directo por YouTube, e non teño os datos aquí pero o primeiro día foron mil catrocentas as visualizacións». Os organizadores estiveron dobremente satisfeitos, e é que, por primeira vez, gañou España por dezaseis a once. «Un bo comezo para estas instalacións», remata o copropietario desta casa club dedicada ao deporte de campo.