
Os baixos do vehículo e a plataforma de acceso retráctil tamén sufriron danos, e o tráfico estivo interrompido case unha hora nesa zona
04 may 2025 . Actualizado á 17:25 h.É un dos puntos máis delicados de toda a rede para os condutores de autobuses, e esa complexidade na manobra ás veces ten consecuencias. Este domingo un bus que circulaba polAs Rodas en sentido ascendente non se abriu o suficiente como para superar as escaleiras laterais dunha das entradas do antigo hospital e igrexa de San Roque.
A consecuencia foi dobre: por unha banda quedou danada a pedra, que obrigará a facer traballo de cantería para recuperar o seu aspecto; e, por outro, o vehículo sufriu danos aparentemente leves no perfil da carrocería e na plataforma retráctil situada na porta central.
Para poder facer xiro cara á dereita de subida os condutores deben agardar a que non veñan outros vehículos desde San Roque e invadir o carril contrario. Nas últimas semanas transcendeu a intención do Concello de facer un paso de peóns elevado uns metros antes, á altura da gardería. Esta iniciativa, moi demandada pola comunidade educativa do centro de infantil e de La Salle, xa espertou algunhas críticas, por entender que se pon unha nova traba circulatoria nun espazo delicado para o tráfico.