Profesores da Universidade de Santiago concentraranse ante o reitorado para reclamar melloras laborais
SANTIAGO
«Consideramos que a estabilización debe ser unha posición estratéxica da Universidade: afianzar e consolidar a estrutura do noso persoal é fundamental nun momento de transición xeracional dentro da Universidade», reclamaron a través dun manifesto
22 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.Un grupo de case 200 profesores da Universidade de Santiago concentraranse este venres, ás 12.00 horas diante do reitorado, para esixir melloras na súa condición laboral. Así o anunciaron a través dun manifesto asinado pola Plataforma de profesorado axudante doutor da USC, figura laboral que adoita ser a máis usada para acceder á carreira académica.
«Por unha cuestión de dignidade profesional, consideramos que deben darse pasos decididos para a estabilización do conxunto do colectivo acreditado á categoría superior», explican no documento, no que critican que «a nula política de persoal e financiamento no sistema universitario español posterior á crise do 2008 provocou que na actualidade as persoas que accedemos a estas prazas esteamos sobrecualificadas para a figura laboral».
«Consideramos que a estabilización debe ser unha posición estratéxica da Universidade: afianzar e consolidar a estrutura do noso persoal é fundamental nun momento de transición xeracional dentro da Universidade», reclamaron tamén no documento, onde piden á USC que priorice ás figuras máis precarizadas: «No curso pasado fomos a única categoría laboral na que se mantivo unha bolsa de solicitantes. As promocións a profesor titular e catedrático non tiveron que agardar».
A resposta
Desde o reitorado da USC recoñeceron sentirse sorprendidos pola protesta cando «o noso equipo aínda non tiña rematada a proposta de estabilización para o 2025. Estamos traballando nas estimacións económicas antes de comunicarlla», admitiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, quen afirmou que a Universidade acelerou os procesos máis que ningunha outra institución académica galega, ademais de asegurar que «o noso compromiso é tratar de manter e reforzar esta liña».