A aventura solidaria por Marrocos de Anxo e Pablo nun Panda máis vello que eles
SANTIAGO
Este será o segundo rali benéfico do Seat do 96 de orixe dubresa, aínda que con distintos ocupantes
21 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.Cando Anxo Blanco Pazos e Pablo García Gómez naceron, o Seat Panda que compraron entre ambos xa levaba rodando case 10 anos. O modelo de 1996, de 39 cabalos, ten a súa historia e estes dous mozos aspiran a conducilo por un novo e emocionante capítulo o próximo mes. Hai dous anos, Kike comprou este vehículo por 1.000 euros aos seus anteriores propietarios en Bembibre (Val do Dubra) para participar con el nun rali solidario. «Sen máis arranxo que o dun coche cargado de xoguetes, Elena e eu ímonos a Marrocos acompañados por un Suzuki Vitara no que ían Fran e Miguel, quen traballa no CHUS. Foi unha aventura impresionante e tenebrosa, porque nos pillou o terremoto no Atlas», lembra. Chegaron sans e salvos, tras entregar o seu cargamento solidario ao pobo marroquí, sen imaxinarse que dous rapaces da comarca santiaguesa collerían a substitución a bordo do mesmo automóbil.
«Atopamos anunciado o coche, quedamos en Santiago con Kike e xa llo compramos», relata Pablo, amiense de 20 anos que reside na Ponte Ulla (Vedra). El xa convencera —sen moito esforzo— ao seu excompañero de instituto de embarcarse xuntos no UniRaid, un desafío de 8 días polo antigo trazado do París-Dakar, convertido nunha proba de orientación que cruza Marrocos de norte a sur para entregar un mínimo 40 quilos de material humanitario nas escolas do deserto. «Coincidimos no IES de Ames e coñecémonos dende segundo da ESO. Aos dous nos gusta moito o tema dos coches. Falabamos de ir a exposicións, coleccionabamos figuriñas de Hot Wheels... e, haberá ano e medio, Pablo faloume desta opción. Compramos o Panda no 2023 e o ano pasado estivemos preparando todo nos nosos ratos libres. Os dous somos estudantes e el, amais de estar facendo un ciclo de Automoción, traballa de camareiro nas fins de semana, polo que tivemos o problema de sacar tempo para isto», explica Anxo, un dubrés que fai Deseño Industrial en Ferrol e é un apaixonado da Fórmula 1 e os ralis.
Agora atan os últimos cabos para enfrontarse ao UniRaid do 8 ao 15 de febreiro e sumar outros 2.400 quilómetros aos máis de 160.000 que xa ten o Seat sobre o seu chasis, desafiando de novo o deserto, o frío e os contratempos mecánicos. «Motívanos tanto a idea de axudar como vivir a experiencia», din os veinteañeros que posúen un das Cuadrillas máis famosos da comarca, con permiso de Borja Iglesias. «Xa temos algo de roupa, xoguetes, temos pensado levar material informático e escolar, e Kike seguramente nos axude con produtos de hixiene persoal, ademais de todos os consellos que nos deu», comentan dous amigos que foron recadando doazóns a través do boca a boca e aínda seguen abertos a colaboracións (os interesados poden escribirlles por Instagram a @marbellaraiders). O reto que xa superaron é o de conseguir patrocinadores, entre os cales están o Concello de Vedra, a gasolineira Ulla Oil e as empresas Gamma Xulio e Ferroglobe. A partir de aquí, todo queda en mans do clásico e os seus novos pilotos.