O Sigüeiro e o Negreira achéganse ao líder, o Dubra rescata un punto en Ribeira

La Voz

SANTIAGO

CARMELA QUEIJEIRO

Hat trick de Pablo Mouriño para o Ordes, que remontou no Saviñao, e nova derrota do Arzúa

20 ene 2025 . Actualizado á 12:49 h.

O líder do grupo 1 de Preferente, o Atlético Montañeros, pechou a primeira volta cunha soa derrota, a que encaixou a semana pasada no García Calvo. Era a única ata ese momento en dezasete xornadas. E empezou a segunda volta perdendo na súa visita ao San Tirso, 2-1.

O Sigüeiro e o Negreira aproveitaron para recortar distancias. Aínda así, están a cinco e oito puntos do líder, respectivamente.

O filial do Compostela impúxose ao Lemos no Liño Balado cun dobrete de Cristian Liñares na segunda metade, nun partido bastante pechado.

Ao Negreira tamén lle custou sacar adiante a súa contenda na casa fronte a un Paiosaco ordenado e con moitos futbolistas por detrás da liña do balón. Decidiu un tanto de Caamaño mediada a segunda metade.

O Ordes remontou cun hat trick de Pablo Mouriño tras o descanso no Saviñao, ante un Atlético Escairón que se adiantou no minuto cinco por mediación de Nico Rodríguez. O pichichi do conxunto verde viu porta nos minutos 49, 61 e 69.

O Dubra rescatou un punto moi traballado na súa visita ao Cidade de Ribeira. Darío Gontán, co tempo case cumprido, equilibrou o gol temperán de Nando Queiruga para os locais.

O Arzúa non consegue reaccionar e volveu sufrir unha nova derrota, esta vez na súa visita ao Pol. O partido fóiselle en apenas dous minutos, tres minutos, do 71 e ao 74, cando encaixou dous goles coa firma do veterano Cadrado. Acurtou distancias Xan no 82, pero todos os intentos por lograr polo menos un empate resultaron estériles.

Próxima xornada

A vindeira fin de semana partiría de máxima rivalidade local no Juan Baleato, no que medirán forzas o Dubra e o Negreira.

E tamén haberá derbi e ambiente garantido no Municipal de Vista Alegre no duelo que librarán o Ordes e o Sigüeiro.

O Arzúa xoga xa sen marxe de erro e recibirá a un rival directo na loita por saír do soto da clasificación, o Atlético Escairón.