Será o vindeiro sábado 25, ás 21 horas, coa montaxe de Talía Teatro
18 ene 2025 . Actualizado á 04:55 h.O Auditorio Afonso Eanes do Cotón estrearase o vindeiro sábado 25, ás 21 horas, como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios coa peza de Talía Teatro «Unha inimiga do pobo». Deste xeito, o Concello de Negreira incorpórase ao circuíto de espectáculos en colaboración coa Xunta. Onte o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, entregou unha placa que identifica ao espazo como escenario da Rede. Trátase da novidade do ano neste circuíto.
Ao longo dos próximos meses chegarán outras catro propostas. Dúas das montaxes achegarán unha perspectiva de xénero. O venres 14 de febreiro Malasombra escenificará «Testosterona», e o 14 de marzo, será a quenda de De Ste Xeito Producións e «Feminíssimas». Tamén haberá dúas propostas para o público familiar. O 22 de febreiro Xarope Tulú porá en escena «A teteira de Kabul», e o 26 de abril pechará a programación «Kyoki», da compañía Elefante Elegante.