A montaxe inclusiva «Nada se sabe» ofrecerá vinte funcións en Santiago

La Voz

SANTIAGO

ROCIO CIBES

A coprodución do CDG e Culturactiva con catro actores con diversidade funcional poderá verse ata o 9 de febreiro no Salón Teatro

19 ene 2025 . Actualizado a las 22:13 h.

Desde hoxe ata o 9 de febreiro (de mércores a domingo) • 18 horas • Salón Teatro • Desde 10 euros (6 euros día do espectador) • Foi un dos espectáculos coproducidos polo Centro Dramático Galego con motivo do seu 40 aniversario e, tras a súa estrea en xullo pasado na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o seu paso polo Festigual da Coruña, recala no Salón Teatro desde hoxe ata o 9 de febreiro para ofrecer unha vintena de funcións. «Nada se sabe» é unha montaxe inclusiva na que catro intérpretes con diversidade funcional cuestionan a visión que a sociedade ten sobre a diferenza.

 

«‘Nada se sabe' é un paso adiante cara a profesionalidade de actores e actrices con discapacidade; un paso firme e valente cara a inclusión nas artes vivas», resalta Fran Rei, codirector deste espectáculo coproducido pola compañía pública e Culturactiva. Pola súa banda, a actriz Corina Mañá apuntou que a montaxe amosa a diferenza desde a reflexión e a comedia. O punto de partida son as diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose na adaptación asinada por Manuel Lourenzo a partir de «Filoctetes», unha das traxedias de Sófocles.

O espectáculo foi presentado onte nun acto no Salón Teatro no que interviñeron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do CDG, Fran Núñez, así como Fran Rei, codirector da peza xunto a Ignacio García, e a actriz Corina Mañá. O elenco complétano Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao e Elvis García Torres.

Hoxe na primeira función en Santiago haberá una sesión musical a cargo de Fran Rey DJ ao finalizar o espectáculo. Tamén asistirá un grupo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Ademais, achegarase a Santiago ata o día 9 público de 40 concellos.