A área sanitaria de Santiago e Barbanza aposta por un novo plan individualizado contra a diabetes

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

CEDIDA

Este novo proceso asistencial actualiza unha versión previa do 2015 para facer fronte á evolución epidemiolóxica da patoloxía

04 jun 2024 . Actualizado á 23:35 h.

Os profesionais da área sanitaria de Santiago e Barbanza coñeceron hoxe o novo modelo de atención a persoas con diabetes mellitus tipo 2, no que apostará por unha estratexia máis individualizada con obxectivos consensuados entre profesionais sanitarios e enfermos. De presentalo encargouse o xefe do servizo de Endocrinoloxía, Miguel Ángel Martínez; o médico de familia Sergio Cinza; a enfermeira Soraya Meijome; e a dietista Eva Gómez. No acto tamén estiveron o xerente da área, Ángel Facio, e a subdirectora de Atención Primaria, Sinda Blanco.

Este novo proceso asistencial actualiza unha versión previa do 2015 para facer fronte á evolución epidemiolóxica da patoloxía. Recolle todas as fases de atención, como é a detección precoz, o tratamento, os aspectos sociais e a prevención. A alimentación é outro elemento esencial tanto na prevención como no control da patoloxía, polo que apostará por ofrecer asesoramento nutricional individualizado tendo en conta a historia clínica de cada persoa.

Unha vez determinadas as necesidades do enfermo, elaborarase un plan de atención único, con obxectivos pactados, no que se incluirá tamén a práctica de exercicio físico. O proceso integrado ten carácter multidisciplinar e reforza a importancia de promover a saúde.