0003_202405S26C8991

A rúa Agrelo, de Bertamiráns, sumar ao proxecto de humanización

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

CEDIDA

As obras, incluídas no POS da Deputación, comezaron esta semana

26 may 2024 . Actualizado ás 05:05 h.

O Concello de Ames iniciou esta semana os traballos de remodelación da rúa Agrelo, de Bertamiráns, unha céntrica vía que, cando rematen as obras, quedará integrada na améndoa central, na que priman os espazos peonís. De feito, segundo sinala o Concello, as actuacións previstas están deseñadas «dende a perspectiva do automóbil e teñen por obxecto reverter esta situación en favor do tránsito peonil e ciclista, de maneira que a rúa Agrelo se converta na conexión entre a améndoa central de Bertamiráns e o paseo fluvial, dando prioridade aos percorridos a pé e en bicicleta fronte ao tráfico rodado».

Este criterio implicará que a rúa terá un carril en sentido único de circulación, aparcadoiro en liña e beirarrúas máis anchas. O tramo da rúa ata a súa ligazón con Entrerríos terá un carril de 3,5 metros de ancho, unha banda de aparcadoiro de 2,5 metros e beirarrúas de 5,5 metros de ancho na marxe dereita e 2,5 no esquerdo.

O tramo final, ata a rúa Alcalde Lorenzo, contará cun carril viario do mesmo ancho de 3,5 metros, dúas bandas de aparcadoiro en liña e beirarrúas de tres metros na marxe esquerda e de 2,5 no dereito. Na parte intermedia resérvase un espazo deseñado, explica o Concello, «como zona de convivencia do tráfico peonil e rodado nunha plataforma elevada, co fin de dar continuidade ao itinerario peonil e ciclista dende a Améndoa central cara o paseo fluvial».A petición da veciñanza, e antes da licitación da obra, o alcalde, Blas García, e os edís de Obras e Urbanismo, Gustavo Neto e Víctor Fernández, informaron o pasado outubro sobre as características do proxecto, adxudicado por 318.100 euros.

A diferenza do plan de humanización da améndoa central de Bertamiráns, financiado ao 80 % con fondos europeos, leste mesma porcentaxe achégaa a Deputación con cargo á anualidade do 2023 do Plan de Obras e Servizos (POS). Sobre esta obra, Blas García sinala que «o Concello vai devolverlle a vida a unha rúa céntrica do núcleo de Bertamiráns que, na actualidade, non está a aproveitar todo o seu potencial».