Os traballadores de Iberia en Santiago ven insuficiente o reforzo de persoal e piden negociar novas melloras

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

UXT paralizan as mobilizacións á espera de consolidar no que sexa posible as incorporacións en Lavacolla cando reabra Peinador

22 may 2024 . Actualizado á 10:35 h.

A ameaza de folga indefinida dos traballadores de Iberia en Santiago queda en suspenso. Os representantes de UXT precisan que non a desconvocan, pero si a paralizan á espera dos resultados de novas reunións que manterán desde a semana que vén con Soegs, a nova empresa que asumiu os servizos de asistencia en rampla e pasaxe da primeira aeroliña española. O encontro mantido este martes na sede do Consello Galego de Relacións Laborais entre a parte sindical, o comité de folga e a empresa permitiu á representación dos traballadores constatar a «boa predisposición» de Soegs, que confirmou que hoxe se incorporarán oito traballadores máis en Lavacolla (sete administrativos e un para rampla), un reforzo que UXT entende que segue sendo insuficiente para atender a sobrecarga laboral que afrontan desde hai anos e que se agravou este mes co transvasamento da operativa de Peinador.

E na consolidación deses reforzos, que se suman aos oito traballadores de carga e descarga incorporadas o pasado día 8, reside unha das claves para pasar páxina definitivamente ás mobilizacións. Porque a parte sindical sabe que, de momento, a empresa non pode ir máis aló nas contratacións no Rosalía de Castro, porque a bolsa está esgotada, pero non quere que eses reforzos vaian ligados a actual sobrecarga de traballo pola transferencia dos voos que non poden operar en Vigo. De feito, aínda que asumen que dificilmente todos os traballadores agora contratados poderán continuar cando reabra Peinador, a partir do día 31, pretenden que sexa o maior número posible. Para iso, hai que sacar a negociación do ámbito da excepcionalidade creada polo peche da terminal viguesa e expola para os meses que veñen, os centrais da tempada de verán, que garanten que a carga de traballo seguirá sendo alta en Santiago.

Sandra Alonso

Con ese novo horizonte encaran os representantes dos traballadores as novas reunións, nas que queren tratar as carencias de persoal, todos os acordos pactados anteriormente con Iberia e que aínda están sen desenvolver, e a apertura dunha nova vía de negociación «para tratar todas as problemáticas que poidan xurdir». A parte laboral incide na determinación de alcanzar acordos que permitan «abordar o verán dun xeito distinto ao de anos anteriores». E para iso é crucial ese propósito de que os reforzos destes días non abandonen o Rosalía de Castro a final de mes.

A terminal compostelá mantén cos voos transferidos desde Peinador un número de operacións inusual nesta altura do ano e que lle permitirá pechar un maio histórico. Na xornada do martes, Lavacolla deu servizo a máis de 90 voos, entre os que despegaron e aterraron nas súas pistas. A pesar de este volume de actividade, e máis aló das denuncias de traballadores polo exceso de carga laboral, o aeroporto está a absorber sen maiores contratempos as operacións programadas. A última hora da tarde do martes, o único voo que superou a hora de atraso na súa saída foi o de Iberia a Palma das 16.15.