Licitan a obra que corrixirá as carencias do campo de fútbol dAs Cancelas, en Santiago

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Imagen de archivo de un partido infantil disputado en As Cancelas
Imaxe de arquivo dun partido infantil disputado nAs Cancelas Forxán

O mal estado das torres de iluminación estaban a condicionar o uso do recinto no inverno

18 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello licitou por 223.021 euros (IVE incluído) as obras que poñerán fin ás carencias da rede de iluminación que desde hai tempo arrastra o campo de fútbol dAs Cancelas. A inestabilidade das torres de iluminación está a condicionar o uso desta instalación no inverno, ata o punto de que hai que estar pendente de que se dean as condicións meteorolóxicas favorables de velocidade do vento para poder utilizala, segundo recolle o informe que deu pé á programación da intervención. Esas circunstancias fan que a actividade estea suxeita a frecuentes cancelacións de eventos deportivos nesa época do ano.

A situación obriga a substituír as catro torres de iluminación, en perigo de colapso, segundo ese informe. E iso é o que se fará con este contrato, aínda que se aproveitará para introducir proxectores de tecnoloxía led e afrontar tamén outras melloras, como a instalación dun marcador electrónico e de megafonía (servizos ambos dos que carece agora mesmo o campo), así como a dotación de medidas de control de eficiencia enerxética. Pero tamén se afrontará a renovación do peche perimetral suroeste, xusto ao lado da entrada principal, que se acha en mal estado. Farase igual que os peches ao lado oeste e norte do recinto.

O contrato sae a licitación cun prazo máximo de obra de 42 días. O contratista haberá de proxectar a intervención de forma que a súa execución evite danar o céspede artificial do terreo de xogo.