Goretti Sanmartín confía nun acordo «global» para o aparcadoiro do Clínico de Santiago

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Pide rapidez á Xunta para abordalo tras a toma de posesión de Rueda

11 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A solución ás deficiencias de aparcamento no Hospital Clínico, agravadas agora co arranque das obras do Centro de Protonterapia de Galicia, é o asunto común de maior urxencia para a cidade que teñen por diante o Concello e as novas consellerías de Sanidade e Infraestruturas, pendentes estas da designación dos seus titulares unha vez que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agora en funcións, sexa investido este sábado.

A partir de aí, e unha vez que os novos departamentos autonómicos empecen a traballar, a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), entende que non hai motivo para non retomar os contactos oficiais con rapidez. «A Xunta ten a proposta do Concello dende hai semanas», expuxo onte no programa Voces de Compostela, de Radio Voz, onde insistiu en que ten «boas vibracións» sobre a posibilidade de que haxa un acordo próximo, despois dos contactos informais mantidos no período de interinidade da Xunta tras as últimas eleccións.

Aínda que ambas as Administracións defenden posicións totalmente opostas sobre a localización do aparcadoiro que se prevé na zona —a autonómica quéreo dentro da parcela sanitaria e o Concello, fóra, pero nun soar lindeiro—, sobre a mesa están tamén iniciativas para a reordenación dos accesos e a contorna do ámbito sanitario, sobre as que o Concello está a facer especial incidencia, ademais de na posta en marcha dunha oferta de transporte colectivo para os traballadores do complexo sanitario. E Sanmartín espera un acordo que entre en todo, un acordo «global».

Pese ao claro distanciamento sobre a localización do aparcadoiro e as diferenzas tamén sobre o seu financiamento, o acordo que tan boas vibracións dálle «será sobre o conxunto» das cuestións que están sobre a mesa, «non sobre unha das cuestións soas», precisa a rexedora. «Nas propostas que fixemos nos últimos tempos fomos avanzando para achegar posturas e o que digo é que o acordo vai ser global sobre o conxunto e, nese acordo, a Xunta terá que renunciar a algo e o Concello tamén».

Sen entrar en por onde podería ir ese entendemento, Sanmartín só espera que a Xunta convoque «unha xuntanza de maneira rápida en canto tomen posesión os novos conselleiros». Mentres, mantén que o Concello agarda por uns días máis de sol para poder abrir en condicións as150 prazas de aparcamento provisional que Raxoi habilitou na parcela do Cimus, a que ofreceu á Xunta para a construción do aparcadoiro. Trátase dunha alternativa provisional para achegar aparcamento ao ámbito sanitario, onde o problema de falta de estacionamento agravouse, recoñece, coas obras do centro de protonterapia. «É unha alternativa», di, «como as de Santa Marta», pero o que esixe a zona é, sostén, «unha solución a medio e longo prazo».

A necesidade dun aparcadoiro para a zona non está en cuestión. O estudo de hai un ano da Xunta acabou recoñecéndoo. A cuestión é cando e que solución achegarán ambas as partes.